28.11.16

REUNIÓN CLUB DE LECTURA

Os integrantes do club de lectura de 1º-2º de ESO reuníronse para poñer en común a súa lectura persoal de A mansión dos Pampín, de Miguelanxo Prada. Tamén expuxeron os debuxos que elaboraron.






25.11.16

25 DE NOVEMBRO, DIA INTERNACIONAL DA VIOLENCIA DE XÉNERO

Hoxe, día 25 de novembro,Na biblioteca súmámonos á conmemoración do DÍA INTERNACIONAL DA VIOLENCIA DE XÉNERO.



Queremos aportar o noso gran de area para sensibilizar o noso alumnado acerca da necesidade de loitar contra a desigualdade entre homes e mulleres, desterrar o machismo, denunciar a perpetuación de condutas que contribúen á violencia de xénero.



Preparamos unha selección de libros nos que está presente esta temática.



E acompañámolos duns poemas que denuncian algunhas actitudes que contribúen  á violencia e marxinación das mulleres.



O que Penélope teceu na súa Singer1
foi a cruz das condenadas

Xa non queren ser a Selene
que olla parva ó Endimión durmido
Aborrecen ser Sibilas que contan
grans de area
esquecendo pedir o seu propio desexo
Nin mortais que no sono da noite
ceiban os seus corpos a deuses con poder

As amazonas tampouco sabían facer punto de cruz.

(Antía Otero, O son da xordeira)
FÓRA DE CONTROL


A quen chamo, como visto, onde andabas metida...

En canto valoras, my boy, este corte de mangas?


(Carlos Negro.  Penúltimas tendencias )







PRINCESA (CONTRA) DISNEY

Cuspo os chícharos
agochados no colchón
como se fosen balas.
Arrinco o vestido de seda.
Íspome e pego un berro
que escacha as porcelanas.
O cabelo longo semella atadura.
(As tesoiras fanme menos escrava).
Fuxo da torre.
Da mazá envelenada
da obediencia.
Fendo os ferrollos.
Pelo curto,
lingua solta.
Respiro fondo,
corro descalza.
Comezo a alancar
cara a esa gándara
máis alá dos espellos.
(Vaime volvendo a voz
que perdín en palacio).

(Carlos Negro: Penúltimas tendencias)





Quero
abandonar
a vida morta
das princesas.

(Lupe Gómez: Levantar as tetas)

LAPIDADAS

Como ovellas que van ao matadoiro
camiñades a serdes lapidadas
en reas, silenciosas e humilladas,
baixo a mirada atenta do carneiro.

  Que o voso sangue sexa o derradeiro
a mollar esas terras magoadas
polo integrismo cruel, polas brigadas
dunha fe que vos nega todo abeiro.

  ¡Maldita sexa a man que tira a pedra!
¡Maldito na semente e no futuro
o nome dos que erguen ese muro

sobre peitos que alentan! ¡Sexa a hedra
nai piadosa a cubrilas, nai que medra
a reclamar a vida en berro puro!

(Marica Campo)




MANNEQUIN CHALLENGE: 25 DE NOVEMBRO

O alumnado de Comunicación Oral de 1º D-E-F de Bacharelato súmase á conmemoración do Día Internacional contra a Violencia de Xénero con este Mannequin Challenge co que pretende concienciar acerca da necesidade de romper cos comportamentos que perpetúan a violencia.












23.11.16

O NOSO FACEBOOK


 Aínda non coñeces o noso Facebook? Queres ver as publicacións que compartimos? 

 

16.11.16

MICRORRELATOS DE MEDO

Nesta publicación recóllense os microrrelatos creados polo alumnado de 1º de ESO con motivo da celebración do SAMAÍN. Historias de vampiros, pantasmas, zombis... e demais parroquia, para pasalo de medo!!!!



As autoras dos tres mellores microrrelatos, segundo a valoración dos seus compañeiros.
PARABÉNS!!


14.11.16

A LAGOA DAS NENAS MUDAS


Autor: Fina Casalderrey
Título: A lagoa das nenas mudas
Editorial: Edicións Xerais


SINOPSE (Presentación editorial)
Amina vaise vivir a un lugar remoto do que descoñece ata o idioma. Un día chega ao seu novo colexio e decátase de que todas as nenas visten coma ela, peiténase coma ela…, son de súpeto cuspidiñas a ela. A profesora de inglés fai unha impresionante revelación que Amina vai descifrando grazas ao debuxos da súa amiga Ío, unha rapaza xordomuda. Pero Ío desaparece misteriosamente.A lagoa das rapazas mudas de Fina Casalderrey, ilustrado por Patricia Castelao, é o relato da emigración e o rexeitamento e as dificultades que sofren moitos emigrantes. A amizade de Amina e Ío amosa que, tantas veces, a posibilidade da comunicación está por riba das palabras. A convivencia no eido escolar, a comunicación extralinguüistica ou o coñecemento da cultura africana son alguns dos temas abordados nesta formidable novela para lectores e lectoras de 10 anos en diante.

E TI, QUE OPINAS?