30.10.17

HORA DE LER

Hoxe botou a andar a HORA DE LER Por segundo ano consecutivo, e logo da magnífica experiencia do curso pasado, dispoñémonos a desenvolver esta actividade de fomento da lectura con todo o alumnado do ESO.
Cada grupo xa conta coa súa sección de aula, formada por varias obras en distintas linguas para aqueles casos nos que algún alumno ou alumna esqueza o libro de lectura.




Podedes ver tamén as normas e o calendario de aplicación.




FORMACIÓN DO USUARIOS

Continuamos desenvolvendo as sesións de formación de usuarios co alumnado de 1º de ESO. Nesta ocasión correspondeulles ás rapazas e rapaces de 1º C acompañados da súa profesora Miriam González, que lles detallou a ubicación dos fondos segundo os criterios da CDU, a maneira de localizar os libros a partir da información aportada polas etiquetas ou o procedemento para levar libros en préstamo.




24.10.17

BIBLIO-NOVAS NÚMERO 4

DÍA DAS BIBLIOTECAS ESCOLARES


Hoxe a biblioteca saíu ao hall para difundir entre a comunidade educativa as actividades e propostas postas en marcha polo equipo da biblioteca. As integrantes do recén estreado Voluntariado encargáronse de repartir folletos e convidar a participar activamente en todas elas.
Coincidindo coa conmemoración do Día das Bibliotecas Escolares, xa está aquí o novo número do boletín de biblioteca Biblio-Novas no que se recollen.
-Convocatoria do Premio de Marcapáxinas 2017
-Información sobre os clubs de lectura que funcionarán este curso.
-Información acerca das tertulias literarias nas que participa o centro.
-Adquisición de novidades editoriais.
-Posta en marcha da Hora de Ler.
-Novo folleto-guía da biblioteca para desenvolver a formación de usuarios ao alumnado novo.









23.10.17

VISITA A QUIROGA

O Departamento de Bioloxía organizou unha visita didáctica a Quiroga para o alumnado de 1º de Bacharelato cun programa certamente interesante.
Visitamos o Museo Xeolóxico para escoitar as explicacións de Ramón Vila Anca sobre a formación do territorio de Galicia, os restos fósiles de hai milleiros de anos, as glaciacións, os primeiros habitantes...
Tamén o Museo Etnográfico, onde Mari Carmen Armesto Fidalgo detallou as peculiaridades dos oficios tradicionais vinculados ao viño, o ferro, a madeira, o mel, a castaña... e algúns aspectos da vida en tempos aínda non tan antigos.
Achegámonos despois ata Campodola para ver o Sinclinal da serra do Courel. E en Montefurado descubrimos o proceso para perforar o túnel no século II en tempos do emperador Traxano.
Tamén tivemos tempo para un pequeno roteiro literario no que nos acompañaron os textos de Ánxel Fole, Manuel María, Ernesto Guerra da Cal, Eduardo Moreiras, etc.
Rematamos a viaxe en Augasmestas onde lemos os fermosos versos de Guerra da Cal:
 Ai, meu Sil,
meu meigo rio
que tinhas os olhos verdes
e donairoso o feitio.

Do Lor ao Sil
que verdor
de orvalho
no mês de avril.

Velaquí unhas imaxes da xornada:













20.10.17

FORMACIÓN DE USUARIOS - GUÍA DE USO

Unha vez finalizado o proceso de reubicación de fondos e xa coa biblioteca a pleno rendemento, esta semana levaremos a cabo as sesións de Formación de usuarios co alumnado que chegou novo neste curso. Informarémolos da localización dos libros, discos, películas e DVD, da maneira correcta para localizalos seguindo os criterios da CDU, do sistema de préstamo, das actividades que estamos desenvolvendo, etc.

CAMIÑOS NA AUGA

 Esta novela de Manuel Núñez Singala conta a dramática situación dos albinos en África. O seu protagonista, Szymo, foxe da súa Tanzania natal para procurar en Europa unha vida digna, libre dos prexuízos e supersticións que converten ás persoas coma el en vítimas de amputacións e asasinatos pola súa condición de "dili", é dicir, negocio para os sicarios.

Novela de aventuras, de viaxe e tamén de iniciación, a historia de Szymo emociónanos e fainos cavilar acerca de moitos temasdos prexuízos raciais, o dereito á diferenza, ...

Anotade embaixo os vosos comentarios, as impresións sobre esta lectura.