Amosando publicacións coa etiqueta Cine e literatura. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Cine e literatura. Amosar todas as publicacións

20.5.09

O CLUB DA CALCETA



A novela O club da calceta, de María Reimóndez, editada en 2006 conta xa con versión teatral e cinematográfica.
A compañía Teatro do Morcego puxo en escena a adaptación teatral, con dirección de Celso Parada.
E acaba de presentarse a versión cinematográfica baixo a dirección de Antón Dobao, e producida por Ficción. A película tivo unha excelente acollida no Festival Internacional de cine de Famalicâo celebrado no pasado mes de marzo.


En flocos podemos ver xa o trailer: O club da calceta




30.4.09

A FLOR MÁIS GRANDE DO MUNDO

Outro exemplo de adaptación cinematográfica dun texto literario é a curtametraxe A flor máis grande do mundo, adaptación do único conto para nenos do escritor portugués José Saramago, con guión e dirección de Juan Pablo Etcheverry e música de Emilio Aragón. Esta obra está incluída no portal FLOCOS do que xa temos falado en varias ocasións. Para vela, basta con picar na imaxe.



Argumento (tomado da propia páxina de Flocos):

"Un escritor -voz e imaxe do propio Saramago- que non se sente capaz de
escribir unha historia para nenos, comeza a relatar como sería esta historia que
quere contar. As súas palabras deixan paso á historia que o autor non é quen de
escribir.
O protagonista é un neno duns sete anos que unha tarde de verán decide
explorar o fascinante mundo existente a cinco minutos da súa casa. Durante esta
aventura chegará a un souto reseco e inhóspito onde atopa unha flor murcha. O
neno non dubida en axudar á flor para que recupere toda a súa beleza e vai na
procura de auga. O traballo para este neno é inmenso e esgotador, pero el pon
todo o seu empeño, e a flor non so renace, senón que medra dunha forma
fantástica converténdose na flor máis grande do mundo e, probablemente, na máis
fermosa.
Cando o escritor remata o seu relato decátase de que a historia xa nola
acaba de contar…“Ao remate foi doado contar a historia. Agora que xa coñeces o
argumento, como nola contarías ti?”

Don Quijote de la Mancha

A relación entre cine e literatura é un tema moi interesante. Unha boa porcentaxe do cine está adaptado da literatura e, por tanto, a adaptación de textos literarios é unha fonte de recursos moi importante para os directores e guionistas de cine que crean en ocasións obras de gran calidade estética.

As adaptacións literarias levadas ao cine, á marxe dos consabidos debates, son un medio para darnos a coñecer as grandes obras da literatura universal e, mesmo, para animarmos a ler a continuación eses textos literarios.

En anteriores entradas xa temos incorporado algúns vídeos ou trailers de películas (tamén no blog do club de lectura). Iniciamos agora unha sección que iremos completando pouco a pouco, e para a que pedimos a vosa colaboración.

E, tendo tan recente a celebración do Día do Libro, imos comezar polo máis importante clásico das nosas letras: Don Quijote de la Mancha. Entre as numerosísimas versións cinematográficas, optamos polas tres seguintes:

En primeiro lugar, temos a serie de debuxos animados realizada en 1979, baixo a dirección de Cruz Delgado e coas voces de Fernando Fernán-Gómez e Antonio Ferrandis.



Por suposto, a versión de Filmax do 2007, da que xa falamos anteriormente. Este é o trailer:



E, por último, a versión cinematográfica dirixida en 2002 por Manuel Gutiérrez Aragon, con Fernando Rey e Alfredo Landa.



Se queredes saber máis sobre as versións cinematográficas da obra de Cervantes, tedes ampla información neste páxina: "Don Quijote de la Mancha en el cine"

Libro ou imaxe? Cal é a vosa opinión?

Indicádenos outras adaptacións cinematográficas que vos parezan significativas e iremos incorporando.

14.12.08

LINGUA ANIMADA: CINE DE ANIMACIÓN E LITERATURA

Acabamos de descubrir, grazas á indicación dunha estudante de Comunicación Audiovisual, a páxina de Flocos, o cineclube do audiovisual galego (http://flocos.tv/).

Na pestana de ANIMACIÓN podemos ver a serie A lingua animada, un conxunto de sete curtametraxes de animación en plastilina realizadas por Virginia Curiá e Tomás Conde, entre 2000 e 2003, baseadas en textos literarios de escritores galegos de diferentes épocas: Cunqueiro, Castelao, Ánxel Fole, Avilés de Taramancos, Murguía, Eladio Rodríguez e Frei Martín Sarmiento. Son adaptacións libres, con notas de humor e cunha magnífica realización.



Son as seguintes:
Alistán, o demo oveiro (Álvaro Cunqueiro)
A Xaguarana (Avilés de Taramancos)
Good night, mon ami, (Castelao)

A escola das areas (Frei Martín Sarmiento)


Os defuntos falaban castelao (Ánxel Fole)
Ignotus (Manuel Murguía)
Xunto a elas, atópanse outras tres de distintos creadores:
O ataque dos kriters asasinos, de Sam Orti Martí.
A meiga chuchona , de Pablo Millán, baseado nunha lenda tradicional.
Carne de canón, de Darío Fernández Ignacio.

Podemos tamén consultar a ficha completa de cada unha na web da Axencia Audiovisual Galega.

Un auténtico pracer!
Disfrutádeo!

24.11.07

DONKEY XOTE

O mércores día 20 no Festival de Cine de Ourense tivo lugar a preestrea mundial da película Donkey Xote, de Filmax Animation. Esta nova versión do clásico cervantino, cun fidalgo afastado do estereotipo de louco e cun Sancho convertido nun home rico, chegará aos cines este Nadal.