Amosando publicacións coa etiqueta Cine de animación. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Cine de animación. Amosar todas as publicacións

30.4.09

A FLOR MÁIS GRANDE DO MUNDO

Outro exemplo de adaptación cinematográfica dun texto literario é a curtametraxe A flor máis grande do mundo, adaptación do único conto para nenos do escritor portugués José Saramago, con guión e dirección de Juan Pablo Etcheverry e música de Emilio Aragón. Esta obra está incluída no portal FLOCOS do que xa temos falado en varias ocasións. Para vela, basta con picar na imaxe.



Argumento (tomado da propia páxina de Flocos):

"Un escritor -voz e imaxe do propio Saramago- que non se sente capaz de
escribir unha historia para nenos, comeza a relatar como sería esta historia que
quere contar. As súas palabras deixan paso á historia que o autor non é quen de
escribir.
O protagonista é un neno duns sete anos que unha tarde de verán decide
explorar o fascinante mundo existente a cinco minutos da súa casa. Durante esta
aventura chegará a un souto reseco e inhóspito onde atopa unha flor murcha. O
neno non dubida en axudar á flor para que recupere toda a súa beleza e vai na
procura de auga. O traballo para este neno é inmenso e esgotador, pero el pon
todo o seu empeño, e a flor non so renace, senón que medra dunha forma
fantástica converténdose na flor máis grande do mundo e, probablemente, na máis
fermosa.
Cando o escritor remata o seu relato decátase de que a historia xa nola
acaba de contar…“Ao remate foi doado contar a historia. Agora que xa coñeces o
argumento, como nola contarías ti?”

21.3.09

O CARRABOUXO EN FLOCOS



Para os ourensáns o Carrabouxo é xa un personaxe máis da cidade, ao que atopamos cada día nas páxinas de La Región ou cando transitamos a carón da súa estatua polo Parque de San Lázaro.

Agora, ademais, podemos ver as súas historias en formato audiovisual. Trátase dunha serie de animación que recolle a animación dos populares debuxos realizados por Xosé Lois.

Só temos que entrar na páxina de flocos.tv (o cineclube do audiovisual galego) e ir ao apartado de ANIMACIÓN.

http://flocos.tv/curta/o-carrabouxo-1/

14.12.08

LINGUA ANIMADA: CINE DE ANIMACIÓN E LITERATURA

Acabamos de descubrir, grazas á indicación dunha estudante de Comunicación Audiovisual, a páxina de Flocos, o cineclube do audiovisual galego (http://flocos.tv/).

Na pestana de ANIMACIÓN podemos ver a serie A lingua animada, un conxunto de sete curtametraxes de animación en plastilina realizadas por Virginia Curiá e Tomás Conde, entre 2000 e 2003, baseadas en textos literarios de escritores galegos de diferentes épocas: Cunqueiro, Castelao, Ánxel Fole, Avilés de Taramancos, Murguía, Eladio Rodríguez e Frei Martín Sarmiento. Son adaptacións libres, con notas de humor e cunha magnífica realización.



Son as seguintes:
Alistán, o demo oveiro (Álvaro Cunqueiro)
A Xaguarana (Avilés de Taramancos)
Good night, mon ami, (Castelao)

A escola das areas (Frei Martín Sarmiento)


Os defuntos falaban castelao (Ánxel Fole)
Ignotus (Manuel Murguía)
Xunto a elas, atópanse outras tres de distintos creadores:
O ataque dos kriters asasinos, de Sam Orti Martí.
A meiga chuchona , de Pablo Millán, baseado nunha lenda tradicional.
Carne de canón, de Darío Fernández Ignacio.

Podemos tamén consultar a ficha completa de cada unha na web da Axencia Audiovisual Galega.

Un auténtico pracer!
Disfrutádeo!