Amosando publicacións coa etiqueta Os lectores opinan. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Os lectores opinan. Amosar todas as publicacións

16.1.18

DENÉBOLA, A ROXA

O alumnado de 1º de ESO ten nesta segunda avaliación  a novela Denébola, a Roxa, de HÉCTOR CAJARAVILLE, como libro de lectura optativa.

Unha historia de aventuras e viaxes ultramarinas no século XVII protagonizada por unha rapaza que non se conforma co papel que a familia e a tradición lle adxudica e busca o seu lugar no mundo. Así o expresa na dedicatoria: “A todas as mulleres que renegan de que o seu destino estea escrito nas estrelas”.


Presentación editorial











Guía de lectura

20.10.17

CAMIÑOS NA AUGA

 Esta novela de Manuel Núñez Singala conta a dramática situación dos albinos en África. O seu protagonista, Szymo, foxe da súa Tanzania natal para procurar en Europa unha vida digna, libre dos prexuízos e supersticións que converten ás persoas coma el en vítimas de amputacións e asasinatos pola súa condición de "dili", é dicir, negocio para os sicarios.

Novela de aventuras, de viaxe e tamén de iniciación, a historia de Szymo emociónanos e fainos cavilar acerca de moitos temasdos prexuízos raciais, o dereito á diferenza, ...

Anotade embaixo os vosos comentarios, as impresións sobre esta lectura.






31.5.17

USHA


A novela desta última avaliación de 1º de ESO é Usha, de María Reimóndez.

Sinopse editorial:
"Uxía, Usha para os seus amigos, escribe o relato da súa estancia en Devastana, unha vila do estado de Karnata, na India. A rapaza galega, que acompañaba a súa nai, membro dunha ONG, rememora a vida cotián da súa escola india. Alí amigou con Lakshmi e Deepak, aprendeu canarés, coñeceu novos costumes e lendas, enfrontouse con dificultades imprevistas e, sobre todo, cunha nova visión da vida, ata entón, descoñecida para ela. Usha aprendeu na India que alí o seu nome significa a primeira luz do mencer. Nunca o esquecerá.Usha, novela escrita por María Reimóndez e ilustrada por Ivñan Sende, é un portelo aberto para que os lectores galegos mozos poidan enchouparse da cultura e da visión da vida dunha comunidade popular da India. Unha novela emocionante que interroga e interesa ao lector sobre unha realidade cultural que a maior parte descoñece."

Que vos pareceu esta historia? 

Podedes deixar embaixo os vosos comentarios.

10.5.17

NUNCA MASCOTAS

Nesta terceira avaliación o alumnado de 1º de ESO achegouse ao libro Nunca mascotas de Paula Carballeira. Axiña teremos a oportunidade de compartir as nosas lecturas coa autora.

Anotade os vosos comentarios, impresións, interpretacións, todo o que vos aportou esta lectura.

15.1.17

TODOS SOMOS

O alumnado de 1º de ESO anda estes días lendo a novela Todos somos, de Marcos Calveiro (Edicións Xerais), unha historia sobre a desaparición dunha nena de instituto e as repercusións que ese feito produce nos compañeiros e compañeiras, nas familias, nos medios de comunicación, nos cidadáns...

Sinopse editorial:
Dende a desaparición de Natalia os pais de Antón xa non lle deixaban baixar o lixo á noitiña. Parecía incríbel que a súa vida, a vida de todos eles, dese un xiro tan brusco e dramático en tan pouco tempo. As cousas andaran nas mans do demo dende que a nova da desaparición de Natalia, compañeira de clase de Antón, correra como a pólvora por toda a praza da Bichoca. O sábado, ao día seguinte de desaparecer, xa o sabía todo o mundo. Mais foi o domingo cando todos foron conscientes da brutal realidade e de que a cousa ía en serio.

A historia, que inevitablemente nos trae a mente casos similares de actualidade, daranos moito para falar nos próximos días.
A continuación, a reseña de Mario Regueira en Sermos Galiza


 

E ti, que opinas? Deixa embaixo os teus comentarios.

14.11.16

A LAGOA DAS NENAS MUDAS


Autor: Fina Casalderrey
Título: A lagoa das nenas mudas
Editorial: Edicións Xerais


SINOPSE (Presentación editorial)
Amina vaise vivir a un lugar remoto do que descoñece ata o idioma. Un día chega ao seu novo colexio e decátase de que todas as nenas visten coma ela, peiténase coma ela…, son de súpeto cuspidiñas a ela. A profesora de inglés fai unha impresionante revelación que Amina vai descifrando grazas ao debuxos da súa amiga Ío, unha rapaza xordomuda. Pero Ío desaparece misteriosamente.A lagoa das rapazas mudas de Fina Casalderrey, ilustrado por Patricia Castelao, é o relato da emigración e o rexeitamento e as dificultades que sofren moitos emigrantes. A amizade de Amina e Ío amosa que, tantas veces, a posibilidade da comunicación está por riba das palabras. A convivencia no eido escolar, a comunicación extralinguüistica ou o coñecemento da cultura africana son alguns dos temas abordados nesta formidable novela para lectores e lectoras de 10 anos en diante.

E TI, QUE OPINAS?

VELENO TINTO


AUTOR: Ramón Carredano Cobas
TITULO: Veleno tinto
Editorial: Edicións Xerais




SINOPSE (Presentación editorial)
Naquela mañá de inverno de 1319, Frei Samuel, o humilde monxe sandador do mosteiro de Toxosoutos, camiñaba cara a Noia cunha dor de frieiras que case o facía chorar. No castelo de don Rui de Soga de Lobeira, agardábao o bispo Berenguel de Landoire coa intención de agradecerlle un impagable servizo que o freire lle ofrecera na súa loita contra os que pretendían apartalo do bispado de Compostela. Mais, a morte dun dos criados de don Rui, envelenado por beber dunha xerra de viño quente, obrigará ao pícaro e intelixente freire a realizar unha concienciuda investigación coa intención de coñecer o motivo e o autor de semellante crime. Veleno tinto é unha apaixonante novela de intriga, tecida sobre unha coidadosa reconstrución histórica da vida e das intrigas políticas da Galicia do século XIV, que supón, ademais, a consolidación do personaxe literario de frei Samuel, un dos máis sin-gulares e divertidos da nosa narrativa actual.

E TI, QUE OPINAS?

TRISTES ARMAS

 
Autora: MARINA MAYORAL
Título: Tristes armas
Editorial: Edicións xerais
Ano de publicación: 

SINOPSE:
 Esta é a historia dunha carta que nunca chegou ó seu destino. Tamén é a historia de dúas nenas, Harmonía e Rosa, exiliadas en Rusia, de dous amigos que se atopan en bandos opostos, dunha muller loitadora, dun carteiro namorado, dun rapaz empeñado en borrar a tristeza dos ollos dunha rapaza. É unha historia de fillos separados dos seus pais, de parellas desfeitas, de homes e mulleres zarandeados e maltratados polos ventos do odio. Pero Tristes armas é sobre todo unha historia de amor.Tristes armas presenta dende un punto de vista sinxelo e profundamente humano algúns episodios da Guerra Civil, desde o punto de vista dos que non combateron, pero que sufriron as súas terribles consecuencias.

E TI, QUE OPINAS?


María Fernández Bertólez (3º B)
É un libro que persoalmente me gustou moito, aínda que ao principio non me animaba especialmente a lelo.
É un libro moi emocionante, méteste moito na historia, cegando a doerche verdadeiramente o que pasa na historia.
É tamén un libro que mostra as cousas tal como son, e rompe con ese tópico de: “ao final todo acaba ben”, por exemplo no feito de que Harmonía non volva a ver á súa nai.
Tamén ensina que na vida nada é fácil, por exemplo cando Harmonía leva días pensando que lle ten que escribir unha carta a seus pais, e sen embargo, cando chega o momento non atopa as palabras, e ao final quedan cinco minutos, sáenlle as súas maiores preocupacións, ó non saír a despedirse da súa nai.
Gustoume moito porque é un libro moi real, moi franco, non é ningún conto de fadas.
E tamén porque xa entrados na historias, esta é moi fácil de ler.

Iago Fernández Méndez 3º B)
É un libro bonito, que me gustou porque trata de aventuras. A primeira e a segunda Guerra Mundial, a batalla do ebro, onde morre Miguel, etc. Gustoume tamén porque trata de historias de amor, como por exemplo, o casamento de Carmiña e Dick Butwin e de Harmonía e León, tamén fala de tristezas, como a morte do pai de Harmonía e Rosa, e tamén de moitos momentos divertidos e alegres. En resumo, gustoume e paseino moi ben lendo este libro.

Cintia Meijide Taboada (3º B)
A miña opinión persoal é que é un libro moi bonito e fácil deler, e creo que describe perfectamente a situación da xente durante a Guerra Civil e a posguerra. Que nos achega ese clima tan grande de división entre as familias, como dous irmáns poden chegar a levarse mal por simples ideoloxías políticas opostas; o sufrimento dos pequenos nun conflito bélico, a dificultade para obter información dos teus seres queridos naquela época e naquelas condicións... o instinto de superación e, como non, o amor neses momentos. Eu creo que claramente reflexa unha dura, pero realidade da España na Guerra Civil, de loitas ferventes por un ideal político e máis tarde na época fascista e que tamén, de forma máis leve reflexa os cambios e os conflitos mundiais.

Anxo Rodríguez Vázquez (3º B)
Gustoume bastante o libro. Leveime unha sorpresa ao lelo porque cando ía polo principio pensei que se ía falar de Rosa e Harmonía, pero non, tamén contou a historia dos que quedaron en España. Os que pero me caían eran os tíos das nenas porque a muller era unha beata e unha facha e o home por non arriscarse un pouco deixou as rapazas en Rusia, aínda que eu penso que estaban mellor alí que cos tíos.

Mario Suárez García (3ª B)
Foi un libro que me gustou moito xa quen el, ademais de ensinarnos o duro que é a guerra, móstranos como unha nena refuxiada chegou a ser unha gran bailarina, o amor entre as persoas, como pasou con León e Harmonía; e moitos valores máis como a compaixón, a dor... É dicir, que de algo malo poden chegar a ocorrer cousas fermosísimas.

Adrián Vázquez Yáñez (3º A)
É un libro que che fai reflexionar sobre a sorte que temos os rapaces de agora e a mala sorte que tiñan antes. Agora xa non fai falta que nos marchemos a Rusia nin a ningunha outra parte, porque temos a sorte de que, de momento, en España hai traballo e escolas, e ningunha guerra. Tamén é o libro máis interesante dos que lin.

Candela Rivera Leal (3º A)
Pareceume unha lectura amena, adaptada a calquera idade. É unha historia triste, e hai pequenos detalles como no momento en que a nai non pode ir despedirse ó barco, ou cando dorme enriba do saco das cartas de Rusia, momentos que arrancan algunha bágoa contida.

Iago Román Vázquez (3º A)
O libro gustoume, pareceume entretido, e está narrado dunha forma moi lixeira, facéndose agradable a lectura en cada páxina. O final non me acaba de convencer, é un pouco raro, acaba moi pronto para o meu gusto. Desenvolve a historia e acábaa de súpeto, pasando 50 anos nunha soa páxina. Gustaríame máis que fose contando a vida dos personaxes máis paseniñamente. Pareceume tamén un pouco triste que Harmonía e súa nai, Carmiña, non se viran máis. Pero polo demais, é divertido e entretido, merece bastante a pena lelo.

16.2.16

ÁMOTE LEO A.


O alumnado de 3º de ESO le nesta avaliación esta novela de Rosa Aneiros. Premio Irmandade do Libro ao mellor libro Infantil e Xuvenil do ano 2014.

 
"Catro amigos e unha gran viaxe. Este era o plan de Leo ao rematar os seus estudos universitarios. En cambio, todos se esborralla uns meses antes de partir, cando os seus colegas se botan atrás e Leo debe afrontar unha decisión transcendental: desistir ela tamén ou marchar soa. A encrucillada é difícil e as dúbidas afógana, pero a ansia por coñecer mundo pode máis que todos os medos" (Presentación editorial)

Deixade os vosos comentarios e impresións de lectura.

11.2.16

CHAMÁDEME SIMBAD

O alumnado de primeiro de ESO leu nesta avaliación a novela de Francisco Castro Chamádeme Simbad, obra que foi recoñecida na Lista de Honra do IBBY 2012 na modalidade de escritores, Premio Frei Martín Sarmiento 2011 na categoría de 1º e 2º da ESO, Premio ao "mellor libro infantil de 2009" concedido polos lectores da web Fervenzas Literarias.

Trátase dunha historia tenra e emotiva que contrasta, a través do humor, o mundo dos nenos co dos adultos e achéganos  a problemática dunha enfermidade silenciosa que trastoca toda a vida familiar.

"O avó fai cousas raras. Esquécese de todo. Cámbialle o nome a todo o mundo. Incluso ao seu neto. Que se chama Paulo, pero que para o avó é Simbad o Mariñeiro." (presentación editorial)


Que vos parece esta historia? Deixade as vosas reflexións e comentarios de lectura.

17.1.16

OS ESCARAVELLOS VOAN Á TARDIÑA

Os clubs de lectura reanudaron  as súas actividades.

Os alumnos de 3º e 4º están lendo o libro da escritora sueca Maria Gripe, publicado en 1978: Os escaravellos voan á tardiña. Unha historia protagonizada por tres rapaces (David Stendfalt, Annika e JOnás) que acoden a coidar as plantas da Quinta Selanderschen durante o verán. Axiña van descubrir que alí sucede algo estraño. Atopan unha planta especial, a Selandria egytica, cuxas follas se dirixen cara ás escaleiras e non cara á luz. Así chegan ao cuarto de verán no que atopan as cartas escritas por Andreas Wiik a Emilie Selander, no século XVIII. Tamén entrarn en contacto con Julia Jason Andelius, dona da casa... Os enigmas sucédense e serán eles os únicos que poidan desentrañalos.





27.11.15

A NEVE INTERMINABLE





Novela de misterio de Agustín Fernández Paz protagonizada por un equipo de guionistas -tres mulleres e dous homes- que reciben a encarga de escribir os guións dunha serie de televisión. Para concentrarse, acoden a un hostal solitario nas terras de Fonsagrada. É inverno e a neve axiña os deixa illados. No hostal comezarán a producirse estraños sucesos...


28.4.15

O CORAZÓN DE XÚPITER

Unha vez que os alumnos de 3º xa lestes O corazón de Xúpiter, de Ledicia Costas, podedes deixar os vosos comentarios sobre este libro, sobre todo despois de escoitar da propia autora as ideas principais que quixo contar nesta historia.
As vosas opinións seguro que resultan interesantes para futuros lectores. 




23.11.11

HISTORIAS SECRETAS EN LA NOCHE

Unha vez máis propoñemos  a lectura dunha obra de Joan Manuel Gisbert. Nesta caso trátase de Historias secretas en la noche, que comeza así:

"Konrad, el Ecuánime, titular del señorío de Warlavia, allá en la Europa lejana, decidió convocar hace muchísimo tiemkpo un singuular concurso de narradores
Durante años se había visto forzado, contra su voluntad, a participar con su pequeño ejército en interminables escaramuzas, combates y batallas"

Proximamente recibiremos a visita do propio autor que compartirá con todos nós o proceso de creación desta novela e responderá as preguntas que queiramos formularlle. Podedes ir anotando xa as vosas opinións e comentarios acerca desta obra.


CORDELUNA

Elia Barcelo presenta en Cordeluna unha historia de amor que quedou truncada pola desgraza e a maldición.
Unha novela que combina historia e fantasía, amor e maldade, bruxería e relixión e que foi recoñecida co Premio Edebé de Literatura Juvenil.

E ti, que opinas? Deixa aquí as túas impresións de lectura.

A PRAIA DOS AFOGADOS

Os alumnos de 2º de Bacharelato andan a ler A praia dos afogados, a segunda novela de Domingo Villar, que transcorre na cidade de Vigo e nos arredores.

Nesta ocasión o inspector Leo Caldas ten que investigar a morte dun mariñeiro que aparece coas mans atadas flotando entre os argazos.

Sabemos que están disfrutando coa súa lectura e esperamos que nos deixen aquí as súas impresións e opinións acerca desta novela.

5.4.08

ANXOS EN TEMPOS DE CHUVIA


Miguel Vázquez Freire: Anxos en tempos de chuvia

Xerais, Col. Fóra de xogo, 1997


RESUMO: Anxos en tempos de chuvia é a historia dunha rapaza e tres rapaces que morren na madrugada viguesa dun sábado nun accidente de automóbil. Moncho, irmán de Anxos, a rapaza falecida non quere aceptar as explicacións oficiais sobre a causa do accidente. A partir deste momento Moncho actúa coma un investigador, si, coma un detective que anda na procura de pegadas. Pero, en certo modo, coma un detective ó revés, porque o que Moncho busca non son as pegadas dun crime, senón pegadas dunha inocencia. A novela cunha trama artellada moi coidadosamente, aborda dende temas tan actuais como a problemática dos accidentes de tráfico, a droga, o consumo de alcohol, a sida, o rock bravú, a lingua e a identidade galegas..., ata os temas de sempre da mocidade como o amor, a iniciación á sexualidade adulta, a reflexión sobre a relixión e a existencia, e sobre todo, a consideración da morte como unha experiencia vivida.


Cal é a túa opinión sobre esta novela?

A SEREA DA ILLA NEGRA


Agustín Fernández Paz: A Serea da Illa Negra

Edit. Tambre, Col. Ala Delta, 2003

Este libro recolle dous textos, un deles xa publicado con anterioridade.
O primeiro, A Serea da Illa Negra, sitúase en Arán, unha pequena aldea de mariñeiros, onde vive Sara, a única nena do lugar. Cada mañá, desde a fiestra do seu cuarto ela ve o mar e a Illa Negra, unha escura masa rochosa contra a que as ondas baten sempre con violencia aínda nos días de mar calmo. Contan dela historias terribles por mor dunha malvada Serea que atrae os mariñeiros cos seus engados para logo levalos á cova.

O segundo dos textos, A néboa negra, é unha reedición de A néboa escura, con pequenas modificacións textuais. Branca, nena de once anos, vivía nun fermoso val polo que deron en pasar forasteiros con présas e medo pois seica fuxían dunha estraña peste que traía unha Néboa Escura. Un día chegou unha nube negra e anegou todo o val en néboa. Esa noite ela durmiu co seu colgante co tríscele gravado. Cando acordou, os seus pais seguían durmidos, como todos os seres vivos.
Cóntanos a túa opinión sobre este libro.

O MEU NOME É SKYWALKER


Agustín Fernández Paz: O meu nome é Skywalker
Edit. SM, Col. Barco de Vapor, 2003

Resumo argumental:
Desde a fiestra do seu cuarto piso, Raquel descobre entre a marea de xente que entra e sae do novo supermercado a un home de pantalón negro, chaqueta estrafalaria, pelo branco e unha pequena caixa na man dereita. Mais ninguén repara nel. Todos pasan ao seu lado sen miralo, como se fose transparente, excepto os nenos. E cando estes, sorprendidos, o ollan, os pais tiran deles para non deter a súa marcha. Tampouco a mai da rapaza pareceu velo, nin ao entrar nin ao saír de comprar, aínda que el se lle puxo practicamente diante. Desde ese día, Raquel, intrigada, ofrécese a baixar polo pan ou o periódico e obsérvao de preto: ten pelo branco, barba de dous días e na ollada unha tristeza infinita. Até que se atreve a dicirlle que coñece o seu segredo: é invisíbel, por iso os maiores non o ven. El cóntalle co seu acento estranxeiro que é un visitante das estrelas, un explorador doutro planeta, que vén estudar os homes, pois sabe o que pensan cando pasan á súa beira. Chámase, seica, Skywalker, como o da Guerra das Galaxias, que significa "o que percorre o ceo". Ela comprométese a gardarlle o segredo.


Anota a túa opinión acerca deste libro.

O PAZO BALEIRO



Xabier P. Docampo: O pazo baleiro
Ilustracións de Xosé Cobas
Col. Sopa de libros. Editorial Anaya.
Madrid, 1997


Resumo argumental:
Nicolás non é quen de segui-lo ritmo das clases. Amólalle ir sempre á escola. Así que toma a seria decisión de non volver procurando que seus pais non se decaten. Sen embargo está engaiolado polo traballo do seu tío Delio, un reparador de vellos reloxos que vive nun vagón de tren abandonado. Nun dese reloxos está o comezo dunha emocionante investigación da man dos seus amigos Ramiro e Sol, únicos cómplices dos seus segredos, cando atopan dentro dese reloxo un cofre con misteriosos obxectos.
Entre eses obxectos atópase unha carta que lles dá a clave para saber ónde comeza-la súa investigación: o pazo baleiro.


E ti que opinas?