Amosando publicacións coa etiqueta Noticias de interese. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Noticias de interese. Amosar todas as publicacións

25.5.15

CINCO OVEJAS NEGRAS


Cinco ovejas negras é un blog que naceu en setembro de 2014 co obxectivo de difundir a lectura infantil e xuvenil e achegar os libros e a actualidade literaria aos lectores. As súas autoras, cunha longa experiencia no ámbito da biblioteconomía, na docencia e en centros especializados, preparan reseñas e presentación de libros clásicos e actuais.

Noticias de actualidade, entrevistas cos autores, selección de libros clasificados por idade e por temas, relación de autores e ilustradores... unha interesante web que nos achega unha valiosa información acerca do panorama actual da mellor literatura infantil e xuvenil.

Estaremos atentos aos seus consellos e orientacións. 



10.12.10

ANA MARÍA MATUTE, PREMIO CERVANTES 2010


O Premio Cervantes, considerado o Nobel español, por ser o galardón máis prestixioso das letras hispanas, recaeu este ano na novelista española ANA Mª MATUTE (Barcelona 1925), por toda a súa traxectoria literaria e polo maxisterio demostrado como “escritora realista y con proyección a lo fantástico”.
Tras anos nos que o seu nome viña sonando para este premio, recoñécese por fin a unha autora mestra na arte de contar, allea a modas literarias e amante da natureza, do medieval e da mirada infantil. Entre a súa extensa obra narrativa, coa que conseguiu case todos os premios, lembramos: Pequeño teatro (Premio Planeta en 1954), Los hijos muertos (Premio Nacional de Literatura en 1959), Primera memoria (Premio Nadal en 1959), Sólo un pie descalzo (Nacional de Literatura Infantil y juvenil en 1984) ou as máis recentes Olvidado Rey Gudú e Paraíso inhabitado. En total, doce novelas e varios volumes de contos, reunidos estes últimos baixo o título La puerta de la luna, que se publicou este ano.
Ana Mª Matute convértese así na terceira muller en recibir o Premio Cervantes, trala pensadora española Mª Zambrano ( 1988) e a poetisa cubana Dulce Mª Loynaz (1992). En 1996 foi tamén a terceira muller en entrar na RAE, trala escritora Carmen Conde e a historiadora Carmen Iglesias (hoxe hai tres académicas máis, a científica Margarita Salas, a filóloga Inés Fdez Ordóñez e a tamén escritora Soledad Puértolas). Matute é probablemente a única escritora que recoñeceu abertamente que lle gustaría gañar o Premio Cervantes ; “ Daría saltos de alegría”, afirmaba nunha reciente entrevista no diario El País.
Na Biblioteca dispoñemos dalgúns títulos desta autora.

6.11.09

O noso muro de Berlín

Esta semana o departamento de alemán rememorou o 20 aniversario da caída do muro de Merlín levantando un pequeno muro na entrada do instituto. Un numeroso grupo de alumnos de varios cursos aplicáronse na elaboración, montaxe e decoración do mesmo. Como pode verse nas imaxes que seguen.





O día 9 de novembro conmemoraremos igualmente o derrubamento do mesmo.

No blog de alemán infórmannos con máis detalle deste evento.

20.5.09

O CLUB DA CALCETA



A novela O club da calceta, de María Reimóndez, editada en 2006 conta xa con versión teatral e cinematográfica.
A compañía Teatro do Morcego puxo en escena a adaptación teatral, con dirección de Celso Parada.
E acaba de presentarse a versión cinematográfica baixo a dirección de Antón Dobao, e producida por Ficción. A película tivo unha excelente acollida no Festival Internacional de cine de Famalicâo celebrado no pasado mes de marzo.


En flocos podemos ver xa o trailer: O club da calceta




15.4.09

SON DE POETAS

Os grupos de lingua galega e o Equipo de Normalización do IES David Buján de Cambre son os creadores de Son de poetas. Antoloxía de poesía galega musicada.

Poñen ao noso dispor un amplo repertorio de poemas de distintas épocas e autores moi diversos. Trátase dun interesante material que nos permite achegarnos á poesía galega desde a música e que será de moita utilidade para traballar nas aulas.

Felicitámolos por esta magnífica iniciativa e incorporámolos nas nosas ligazóns.

1.4.09

2 DE ABRIL, DÍA INTERNACIONAL DO LIBRO INFANTIL E XUVENIL

Elisa Álvarez achéganos unha información, procedente de ANILIJ (Asociación Nacional de Investigación en Literatura Infantil e Juvenil) segundo a cal a crise non afectou á literatura infantil e xuvenil, xa que en 2008 creceu un 11,5% en volume de libros e un 13,9% en vendas.
E aporta algúns datos concretos:
- O sector de poboación que le con máis frecuencia está entre os 10 e os 13 anos.
- Destes, un 74% le todos os días e son as nenas as que máis len.
-A principal motivación para que os lectores obteñen información dos libros procede do consello de amigos, familiares ou profesores.
- O fenómeno best-seller axuda a fomentar a lectura entre este público.
- Entre os xoves de 13-24 anos os xéneros preferidos son: aventuras, intriga/misterio, fantasía e ciencia ficción.
- Os temas da vida real tamén interesan, e especialmente os que tratan acerca de inmigración, memoria histórica, malos tratos, acoso escolar.
- No apartado de non-ficción, os adolescentes interésanse por libros sobre coidado persoal, tempo de lecer, sexo, política e cultura.
Sen dúbida, uns datos de gran interese para todos os responsables das Bibliotecas Escolares.

14.12.08

LINGUA ANIMADA: CINE DE ANIMACIÓN E LITERATURA

Acabamos de descubrir, grazas á indicación dunha estudante de Comunicación Audiovisual, a páxina de Flocos, o cineclube do audiovisual galego (http://flocos.tv/).

Na pestana de ANIMACIÓN podemos ver a serie A lingua animada, un conxunto de sete curtametraxes de animación en plastilina realizadas por Virginia Curiá e Tomás Conde, entre 2000 e 2003, baseadas en textos literarios de escritores galegos de diferentes épocas: Cunqueiro, Castelao, Ánxel Fole, Avilés de Taramancos, Murguía, Eladio Rodríguez e Frei Martín Sarmiento. Son adaptacións libres, con notas de humor e cunha magnífica realización.



Son as seguintes:
Alistán, o demo oveiro (Álvaro Cunqueiro)
A Xaguarana (Avilés de Taramancos)
Good night, mon ami, (Castelao)

A escola das areas (Frei Martín Sarmiento)


Os defuntos falaban castelao (Ánxel Fole)
Ignotus (Manuel Murguía)
Xunto a elas, atópanse outras tres de distintos creadores:
O ataque dos kriters asasinos, de Sam Orti Martí.
A meiga chuchona , de Pablo Millán, baseado nunha lenda tradicional.
Carne de canón, de Darío Fernández Ignacio.

Podemos tamén consultar a ficha completa de cada unha na web da Axencia Audiovisual Galega.

Un auténtico pracer!
Disfrutádeo!

7.2.08

Proxecto Andersen, o retorno aos clásicos

O Ministerio de Cultura puxo en marcha unha interesante iniciativa para difundir entre os xoves os clásicos xuvenís: o Proxecto Andersen. O obxectivo principal que guía este proxecto é, nas súas propias palabras:

"Acercar a los estudiantes de secundaria muchos de los libros y personajes de ficcións que han marcado la juventud de varias generaciones de lectores en los dous últimos siglos: Tom Sawyer, Peter Pan, el capitán Nemo, Heidi, el conde Drácula... Caracteres e historias de todo tipo que pueden despertar la pasión por una de las actividades más propias del ser humano: la lectura.
Porque sin la capacidad de imaginar y disfrutar que proporciona leer un libro, vivir no sería lo mismo".


Grazas a el, os xoves lectores poderán coñecer os grandes autores (Poe, Verne, Salgari, Bran Stoker, Dickens, Mary Shelley, Mark Twain...), mergullarse nos mundos de ficción que eles crearon e tratar cos heroes que saíron das súas plumas. E os menos xoves poderemos recuperar a lectura das obras que noutro tempo nos emocionaron.

E só cun simple clic, temos unha variada selección de e-books ao noso dispor





Hai unha extensa biblioteca agardándonos!