
O Premio Cervantes, considerado o Nobel español, por ser o galardón máis prestixioso das letras hispanas, recaeu este ano na novelista española ANA Mª MATUTE (Barcelona 1925), por toda a súa traxectoria literaria e polo maxisterio demostrado como “escritora realista y con proyección a lo fantástico”.
Tras anos nos que o seu nome viña sonando para este premio, recoñécese por fin a unha autora mestra na arte de contar, allea a modas literarias e amante da natureza, do medieval e da mirada infantil. Entre a súa extensa obra narrativa, coa que conseguiu case todos os premios, lembramos: Pequeño teatro (Premio Planeta en 1954), Los hijos muertos (Premio Nacional de Literatura en 1959), Primera memoria (Premio Nadal en 1959), Sólo un pie descalzo (Nacional de Literatura Infantil y juvenil en 1984) ou as máis recentes Olvidado Rey Gudú e Paraíso inhabitado. En total, doce novelas e varios volumes de contos, reunidos estes últimos baixo o título La puerta de la luna, que se publicou este ano.
Ana Mª Matute convértese así na terceira muller en recibir o Premio Cervantes, trala pensadora española Mª Zambrano ( 1988) e a poetisa cubana Dulce Mª Loynaz (1992). En 1996 foi tamén a terceira muller en entrar na RAE, trala escritora Carmen Conde e a historiadora Carmen Iglesias (hoxe hai tres académicas máis, a científica Margarita Salas, a filóloga Inés Fdez Ordóñez e a tamén escritora Soledad Puértolas). Matute é probablemente a única escritora que recoñeceu abertamente que lle gustaría gañar o Premio Cervantes ; “ Daría saltos de alegría”, afirmaba nunha reciente entrevista no diario El País.
Na Biblioteca dispoñemos dalgúns títulos desta autora.

Ningún comentario:
Publicar un comentario