O día sete e oito de novembro, os alumnos de 1º de
Bacharelato visitaron no Museo do Mar de Vigo a exposición sobre o Pergamiño
Vindel.
Alí dividíronse en grupos duns 25 alumnos e fixeron cadansúa
actividade, alternándoas. Por unha banda, celebraron un obradoiro de escritura
medieval onde o guía non só lles explicou os pormenores da elaboración dun
pergamiño, usos de tintas, peles, etc. senón que fixeron unha práctica de
escrita con cana e chumbo, sobre papel.
Logo, -ou antes, depende do grupo- percorremos a pequena exposición sobre a vida
material na Idade Media de Galicia, onde puidemos ver pergamiños de cartas
puebla, zapatos dun bispo de Mondoñedo, arquetas de reliquias, o cristo de
Vilanova dos Infantes, restos románicos de fachadas e tamén os facsímiles do
códice rico das Cantigas de Santa María e do Cancioneiro de Ajuda. Por último,
parámonos diante da vitrina que contén o pergamiño Vindel.
A visión deste famoso documento orixinal do século XIII coa
letras e música das cantigas de Martín Códax por primeira vez en Galicia, é emocionante, máxime tendo en conta que
todos os restos da lírica galega medieval, relixiosa ou profana, está situados
fóra da nosa Terra.
Despois da visita literaria, percorremos o edificio do Museo
do Mar, obra do afamado arquitecto César Portela, pasamos pola sección de
arqueolóxica da ría de Vigo e visitamos o acuario que está sobre o vello peirao
da fábrica de salazón. O tempo claro e despexado, contribuiu a facer máis
agradable a visita. Desde logo, o pergamiño que nos fala das Ondas do mar de
Vigo, non podía ter un mellor local de exposición.
Ningún comentario:
Publicar un comentario