22.4.08

DÍA DO LIBRO 2008 - EU LEO, TI LES


Un ano máis celebramos no Instituto o Día do Libro. Esta festa naceu en 1995 baixo os auspicios da UNESCO, que escolleu o día 23 de abril como o Día Mundial do Libro e do Dereito de Autor para conmemorar os libros, fomentar a lectura e a protección da propiedade intelectual. A elección desta data débese á coincide coa do falecemento de tres grandes escritores da literatura universal: o español Miguel de Cervantes Saavedra, o inglés William Shakespeare e o Inca Garcilaso de la Vega, todos falecidos en 1616. E tamén oincide co nacemento de Vladimir Nabokov e a morte de Josep Pla, entre outros.

Con este motivo, e como todos as anos, a Biblioteca trasladouse ata o hall para facilitar o préstamos dos seus fondos bibliográficos e promover a adquisición de libros co desconto correspondente nesta festa mais un caravel de agasallo.

O Departamento de Lingua Castelá e Literatura organizou un Recital de poemas sobre o tema “La juventud y el paso del tiempo”, realizado polos alumnos de Literatura Universal de 1º de Bacharelato, coordinados pola profesora Hortensia Alonso.

A continuación tivo lugar a proxección da curtametraxa Sueños reales, baseada no conto “O Suso” de Méndez Ferrín, realizada por alumnos de 4º de ESO: Martín Justo, Simón Vázquez e Roi López, xunto con Alba Recondo e Rebeca Obeso, e producida por ATCC (Asociación de Transmisión de Coñecementos Cinematográficos).

A seguir, procedeuse á entrega dos premios do CONCURSO LITERARIO DÍA DO LIBRO 2008, que recaeron nos seguintes alumnos:

Modalidade A:
1º premio: “Unha oportunidade para a Terra”, de Alba Pérez (1º D ESO)
2º premio. “Recuerdos de un poeta”, de Camila Loureiro (2º D ESO)
3º premio: “Recordando”, de Margarida Rodríguez (2º A ESO)
Accésit: “Descubrir un novo amigo”, de Sabela Rodríguez (1º D ESO)


Modalidade B:
1º premio. “Fragilidad y otras verdades”, de Carlota Mosquera (4ª C)
2º premio: “Branca e Alberte”, de Simón Vázquez (4º C)
3º premio: “Confidente de papel”, de Arianna Vázquez (4º C)
Accésit: “O anel centenario”, de Érika Estévez (4º D)

Modalidade C:
1º premio: Os poemas “Sueños en la distancia” e o relato “Tierra Soñada” de María González (2º A Bach.)
2º premio: Os relatos “Querido Zálatos” e “`Papel”, de Cristina Calle (1º D Bach.)
3º premio compartido:”In memoriam” de Manuel Valdés (2º D Bach) e “Melodía” de Aida Fernández (1º D Bach.)
Accésit: O poema “Mudanzas” de Lucía Cerreda (1º D Bach.)


E, por último, entregáronse os premios do Concurso CARTAS DE AMOR, no que resultaron gañadores os seguintes alumnos:

Primeiro premio: María González Martínez (2º A Bach.)
Segundo premio: Miriam Penido (1º D Bach.)
Terceiro Premio: Sara Sáez (4ª D)

A estes premios engadíronse estoutros accésits: Rut Hidalgo Gómez (1º A ESO), Laura Blanco (1º A ESO), Irene Pascual (2º A ESO). Nieves Bayón (2º D ESO), Lucía Cerreda (1ª D Bach.), Gabriela Calvo (1º A ESO), José Eneriz (1ª A ESO), Ana López Lastra (1º B ESO)

Noraboa a todos os premiados e Felices Lecturas!

5.4.08

ANXOS EN TEMPOS DE CHUVIA


Miguel Vázquez Freire: Anxos en tempos de chuvia

Xerais, Col. Fóra de xogo, 1997


RESUMO: Anxos en tempos de chuvia é a historia dunha rapaza e tres rapaces que morren na madrugada viguesa dun sábado nun accidente de automóbil. Moncho, irmán de Anxos, a rapaza falecida non quere aceptar as explicacións oficiais sobre a causa do accidente. A partir deste momento Moncho actúa coma un investigador, si, coma un detective que anda na procura de pegadas. Pero, en certo modo, coma un detective ó revés, porque o que Moncho busca non son as pegadas dun crime, senón pegadas dunha inocencia. A novela cunha trama artellada moi coidadosamente, aborda dende temas tan actuais como a problemática dos accidentes de tráfico, a droga, o consumo de alcohol, a sida, o rock bravú, a lingua e a identidade galegas..., ata os temas de sempre da mocidade como o amor, a iniciación á sexualidade adulta, a reflexión sobre a relixión e a existencia, e sobre todo, a consideración da morte como unha experiencia vivida.


Cal é a túa opinión sobre esta novela?

A SEREA DA ILLA NEGRA


Agustín Fernández Paz: A Serea da Illa Negra

Edit. Tambre, Col. Ala Delta, 2003

Este libro recolle dous textos, un deles xa publicado con anterioridade.
O primeiro, A Serea da Illa Negra, sitúase en Arán, unha pequena aldea de mariñeiros, onde vive Sara, a única nena do lugar. Cada mañá, desde a fiestra do seu cuarto ela ve o mar e a Illa Negra, unha escura masa rochosa contra a que as ondas baten sempre con violencia aínda nos días de mar calmo. Contan dela historias terribles por mor dunha malvada Serea que atrae os mariñeiros cos seus engados para logo levalos á cova.

O segundo dos textos, A néboa negra, é unha reedición de A néboa escura, con pequenas modificacións textuais. Branca, nena de once anos, vivía nun fermoso val polo que deron en pasar forasteiros con présas e medo pois seica fuxían dunha estraña peste que traía unha Néboa Escura. Un día chegou unha nube negra e anegou todo o val en néboa. Esa noite ela durmiu co seu colgante co tríscele gravado. Cando acordou, os seus pais seguían durmidos, como todos os seres vivos.
Cóntanos a túa opinión sobre este libro.

O MEU NOME É SKYWALKER


Agustín Fernández Paz: O meu nome é Skywalker
Edit. SM, Col. Barco de Vapor, 2003

Resumo argumental:
Desde a fiestra do seu cuarto piso, Raquel descobre entre a marea de xente que entra e sae do novo supermercado a un home de pantalón negro, chaqueta estrafalaria, pelo branco e unha pequena caixa na man dereita. Mais ninguén repara nel. Todos pasan ao seu lado sen miralo, como se fose transparente, excepto os nenos. E cando estes, sorprendidos, o ollan, os pais tiran deles para non deter a súa marcha. Tampouco a mai da rapaza pareceu velo, nin ao entrar nin ao saír de comprar, aínda que el se lle puxo practicamente diante. Desde ese día, Raquel, intrigada, ofrécese a baixar polo pan ou o periódico e obsérvao de preto: ten pelo branco, barba de dous días e na ollada unha tristeza infinita. Até que se atreve a dicirlle que coñece o seu segredo: é invisíbel, por iso os maiores non o ven. El cóntalle co seu acento estranxeiro que é un visitante das estrelas, un explorador doutro planeta, que vén estudar os homes, pois sabe o que pensan cando pasan á súa beira. Chámase, seica, Skywalker, como o da Guerra das Galaxias, que significa "o que percorre o ceo". Ela comprométese a gardarlle o segredo.


Anota a túa opinión acerca deste libro.

O PAZO BALEIRO



Xabier P. Docampo: O pazo baleiro
Ilustracións de Xosé Cobas
Col. Sopa de libros. Editorial Anaya.
Madrid, 1997


Resumo argumental:
Nicolás non é quen de segui-lo ritmo das clases. Amólalle ir sempre á escola. Así que toma a seria decisión de non volver procurando que seus pais non se decaten. Sen embargo está engaiolado polo traballo do seu tío Delio, un reparador de vellos reloxos que vive nun vagón de tren abandonado. Nun dese reloxos está o comezo dunha emocionante investigación da man dos seus amigos Ramiro e Sol, únicos cómplices dos seus segredos, cando atopan dentro dese reloxo un cofre con misteriosos obxectos.
Entre eses obxectos atópase unha carta que lles dá a clave para saber ónde comeza-la súa investigación: o pazo baleiro.


E ti que opinas?

27.3.08

DÍA MUNDIAL DA POESÍA

Aínda que con retraso debido ás vacacións de Semana Santa, esta tarde celebramos no Liceo o Día Mundial da Poesía, coincidindo co Día Mundial do Teatro.

Reunímonos un numeroso grupo de alumnos e profesores dos institutos de Celanova, A Carballeira e As Lagoas para compartir a lectura dalgúns poemas de Manuel Curros Enríquez, Luís Pimentel e Alfonso Alcaraz. A elección destes poetas, dous ourensáns e un lugués, vén motivada pola circunstancia de que este ano se conmemora o aniversario do pasamento de todos eles (o centenario do primeiro e o cincuentenario dos outros dous)

O noso instituto estivo representado por alumnos de 1º e 2º de Bacharelato: Patricia Álvarez, Laura Casado, Gabriel Gavela, María González, Daniel Lorenzo, Celia Parra e Iván Testa, que leron sete poemas de Pimentel.

Pechou o acto Carlos Varela cunha breve análise dalgúns trazos significativos da poesía do poeta lugués.

Felicitamos a todos os recitadores por deleitarnos con estes versos ben representativos da calidade da nosa poesía e quedamos xa á espera da vindeira celebración deste Día porque, como di o poema de Pimentel, “A poesía é o gran milagre do mundo”.



7.3.08

FIRMIN


Firmin. Aventuras de una alimaña humana
Na presentación editorial desta novela lemos:

"Nacido en el sótano de una librería en el Boston de los años 60, Firmin aprende a ler devorando las páginas de un libro. Pero una rata culta es una rata solitaria. Marginada por su familia, busca la amistad de su héroe, el librero, y de un escritor fracasado. A medida que Firmin perfecciona un hambre insaciable por los libros, su emoción y sus miedos se vuelven humanos. Original, brillante y llena de alegorías, Firmin derrocha humor y tristeza, encanto y añoranza por un mundo que entiende el poder redentor de la literatura, un mundo que se desvanece dejando atrás una rata con un alma creativa, una amistad excepcional y una librería desordenada."


E, xa no primeiro capítulo, será Firmin quen tome a palabra para dicirnos:


CAPÍTULO 1

Siempre imaginé que la crónica de mi vida, si acaso alguna vez llegaba a escribirla, tendría una primera frase excelente: algo lírico, como "Lolita, luz de mi vida, fuego de mis entrañas", de Nabokob; y, si no me salía nada lírico, algo arrollador, como "Todas las familias felices se asemejan, pero cada familia desdichada es desdichada a su manera", de Tolstoi. La gente recuerda estas palabras incluso cuando ya ha olvidado todo lo demás que hay en el libro.


Animámoste á súa lectura e tamén a que compartas con todos nós as túas impresións.
En Internet poderás atopar numerosas referencias a esta novela. Algúns enderezos de interese
son os seguintes: Diario El país, Biblioblog
Tamén podes ver o vídeo da presentación do libro en you tube

USHA

O día en que a serpe mordeu a Bommakka souben que ma nunca falaba por falar. De Bommakka só lembraba que era unha rapaza moi, moi delgadiña con grandes dentes e que cheiraba a suor que tumbaba. Iso era todo.
Daquela andaba eu matinando en contarlle a Lakshmi o do meu pai. Matinaba e matinaba e... zas, a serpe. Sería rei serpe ou raíña serpe? Fose o que fose, conveceume. Ma sabía o que facía. Ma sabía que as serpes eran perigosas, por iso me advirte de que mire por onde piso. A miña decisión final: manter a boca pechada como ela me pedira. Total, Lakshmi e mais eu iamos seguir sendo amigas soubese ela o do meu pai ou non.

Así comeza Usha.


Na contraportada podemos ler un breve resumo do seu contido:

"Uxía, Usha para os seus amigos, escribe o relato da súa estancia en Devastana, unha vila do estado de Karnataka, na India. A rapaza galega, que acompañaba a súa nai, membro dunha ONG, rememora a vida cotiá da súa escola india. Alí amigou con Lakshmi e Deepak, aprendeu canarés, coñeceu novos costumes e lendas, enfrontouse con dificultades imprevistas e, sobre todo, cunha nova visión da vida, ata entón, descoñecida para ela. Usha aprendeu na India que alí o seu nome significa a primeira luz do mencer. Nunca o esquecerá."

Se xa estás lendo a novela, anota as túas opinións, comentarios, valoracións, impresións...

Podes atopar información sobre a autora e a súa obra en Literactúa e La Tanda.

6.3.08

CLUB DE LECTURA. USHA. FIRMIN.

Retomamos o noso "Club de lectura" con dúas propostas moi diferentes entre si para que cadaquén escolla aquela que prefira, ou talvez as dúas, unha tras da outra.

Trátase de dúas novelas.

Por unha parte, Usha, de María Reimóndez, (Edicións Xerais 2006), finalista do Premio Merlín 2005.

Por outra, Firmin, de San Savage, (2007) traducida ao castelán por Seix Barral.


Usha é o relato da estancia de Uxía, Usha para os amigos, en Devastana, unha vila da India, país no que a rapaza pasa longas tempadas acompañando á súa nai, membro dunha ONG. Alí fará novos amigos, coñecerá outros costumes, aprenderá novas linguas e adquirirá unha visión diferente da vida.


Firmin é a historia dunha rata que naceu no soto dunha librería de Boston e que aprendeu a ler devorando as páxinas dun libro. Desde a súa publicación nos Estados Unidos no pasado mes de outubro, obtivo eloxios da crítica, éxito de público e converteuse xa nun éxito editorial. É unha novela conmovedora e enxeñosa, que transmite o transmite amor pola lectura e polos libros.


Esperamos os vosos comentarios e feliz lectura!







14.2.08

POEMAS DE AMOR

O Día de San Valentín é, alén do seu valor comercial ben aproveitado polos grandes almacéns, unha boa ocasión para achegarnos á poesía.

Esta mañá no Salón de actos tivo lugar un recital de poesía de amor, no que participaron alumnos de 4º de ESO e mais os de 1º de Bacharelato da materia de Literatura Universal. Nas súas voces escoitamos unha selección de poemas de moi diversos autores: Neruda, Avilés de Taramancos, Bécquer, Xulio Valcárcel, Cernuda, Lorca, etc.









Ao mesmo tempo, aproveitamos para entregar os premios do Concurso de marcapáxinas 2008 que acabamos de fallar.

13.2.08

O lapis do carpinteiro

No que á miña opinión se refire, este é un libro que xamais podería deixar a alguén indiferente. A min persoalmente cautivoume polos seus personaxes tan naturais e tan complexos, sobre todo Herbal, un ser miserento que se transforma polo feitizo do lapis de carpinteiro ou ó pintar coas súas ensinanzas ó garda unha vez que xa morreu. Innegable tamé a maxia de Daniel da Barca que se gaña ó lector desde as primeiras liñas.
(Artur M. Puga, 1º Bacharelato E)

Esta novela gustoume moito e deixoume unha visión optimista dentro do sufrimento que me produce a inxustiza dos acontecementos na época da Guerra e Posguerra. Pareceume moi interesante o personaxe de Herbal, xa que non representa o malo nin o bo da historia, relata os feitos con dúas personalidades e puntos de vista diferentes: o pintor que aporta certo punto de bondade a Herbal eo home de ferro que é o carácter duro e sen escrúpulos de Herbal. Deixoume unha visión positiva porque asómbrame o carácter optimista dos protagonistas fronte ós acontecementos tan inxustos e despiadados polos que pasan: o cárcere, os fusilamentos, a falta de comida, de hixiene, de liberdade...
(María Fincias Pérez, 1º Bacharelato)

O libro é o libro que me fixo chorar por primeira vez e o que me animou a escribir algunha historia que outra. É un dos meus libros favoritos. Nel só hai dous saltos no tempo, o do principio (cando aparece Da Barca, hoxe, enfermo na casa) e o do final (cando Herbal descobre que Da Barca finou de vello), pero penso que son os que xustamente acomodan nesta historia de amor na Guerra Civil, que deixa no lector un sentimento de tristura, pois quere este que o protagonista non morra nunca (nin de vello) e a historia de amor de Marisa e Daniel dure eternamente. Claro que sempre perdurará, grazas a Manuel Rivas que, por certo, é un dos meus escritores favoritos, ao que lle teño que ler, en pouco tempo, a súa obra Os libros arden mal.
(Breogán Antón Martínez Vila, 1º Bacharelato E)

11.2.08

MARCAPÁXINAS 2008

Xa temos MARCAPÁXINAS 2008!


O xurado acordou conceder o primeiro premio ao marcapáxinas creado por Fabio Perianes Santos, de 2º de Bacharelato E.

E, ante a calidade e variedade dos marcapáxinas presentados, o xurado decidiu outorgar as seguintes mencións:

-Sheila Domínguez Paz (2º Bacharelato C)


-Sara Cid Feijoo (4º B)


-Nieves Bayón Fernández (2º D)


-Patricia Ruiz Álvarez (1º C)








ELE

O noso blog ten un novo ocupante, aquí á nosa esquerda.
E quen é? É L, ou ELE ou eLe...
e vén sendo a nosa mascota-anagrama:

L de Lagoas, claro.
L de Libros.
L de Lectura.
L de Ler.
L de Lecer.
...

É L... " e le"..., coma nós.

9.2.08

Entroido 2008

Ante as moitas demandas e, aínda que con retraso, aquí van as fotos do noso Entroido.

Felicitámonos pola ampla participación e pola imaxinación demostrada nos diversos disfraces.

Ao longo da mañá, polos corredores e polo salón de actos deambulou xente diversa: noivas primorosas, esmolantes cos seus cartóns de viño, un trío de butaneiros co camión e a bombona, poliños, bailarinas, carrapuchiñas, monxas e cardenais, algún vampiro, varios guerreiros, mozas exuberantes de pernas peludas e voces curiosamente graves, nenas recén saídas da cama sen tempo para cambiar o pixama... ata unha parella de reporteiras do Tomate armadas de cámara e alcachofa.


Foi unha xornada na que vivimos intensamente o entroido, festa tradicional por excelencia na nosa cidade, que forma parte da nosa cultura popular e que nós queremos potenciar.

Teremos que ir pensando de que imos ir o ano que vén!

7.2.08

Proxecto Andersen, o retorno aos clásicos

O Ministerio de Cultura puxo en marcha unha interesante iniciativa para difundir entre os xoves os clásicos xuvenís: o Proxecto Andersen. O obxectivo principal que guía este proxecto é, nas súas propias palabras:

"Acercar a los estudiantes de secundaria muchos de los libros y personajes de ficcións que han marcado la juventud de varias generaciones de lectores en los dous últimos siglos: Tom Sawyer, Peter Pan, el capitán Nemo, Heidi, el conde Drácula... Caracteres e historias de todo tipo que pueden despertar la pasión por una de las actividades más propias del ser humano: la lectura.
Porque sin la capacidad de imaginar y disfrutar que proporciona leer un libro, vivir no sería lo mismo".


Grazas a el, os xoves lectores poderán coñecer os grandes autores (Poe, Verne, Salgari, Bran Stoker, Dickens, Mary Shelley, Mark Twain...), mergullarse nos mundos de ficción que eles crearon e tratar cos heroes que saíron das súas plumas. E os menos xoves poderemos recuperar a lectura das obras que noutro tempo nos emocionaron.

E só cun simple clic, temos unha variada selección de e-books ao noso dispor





Hai unha extensa biblioteca agardándonos!