16.11.08

CONCURSO DE MARCAPÁXINAS 2009

A Biblioteca, en colaboración co Equipo de Normalización Lingüística, convoca un ano máis o CONCURSO DE MARCAPÁXINAS, de acordo coas seguintes

BASES:

II. TEMA
O marcapáxinas conterá:
o Un debuxo referente á lectura ou aos libros.
o Un texto, escrito en lingua galega, que pode ser unha frase ou slogan ou unha cita literaria acerca da lectura.

II. FORMATO
Material: Cartolina
Tamaño: 21 x 5 cm
Pode empregarse calquera técnica pictórica.

III. PRAZO
O prazo remata o día 5 de decembro de 2008.
Os participantes entregarán na Biblioteca o seu marcapáxinas, asinado cun lema ou pseudónimo, e acompañado dun sobre no cal figurará no exterior o mesmo lema e no interior os seus datos persoais.

IV. PREMIO
O marcapáxinas gañador será premiado con 50 € en metálico.

Este marcapáxinas, convertido en marcapáxinas 2009, será reproducido e entregado como agasallo na Biblioteca. Tamén será reproducido no blog da biblioteca.


Anímate e PARTICIPA!

24.10.08

Unha biblioteca...

para os que len,


para os que investigan,


para os que estudan,



para os que consultan,


para os que navegan,

para os que analizan



para os que se informan...



Unha biblioteca para todos.

Unha biblioteca para ti.













21.10.08

ESTAMOS DE ESTREA!

Por fin, logo do intenso traballo levado a cabo por Javier durante todo o verán, a biblioteca prepárase para abrir as súas portas e amosar a súa nova cara. A tan desexada reforma é xa unha realidade e con ela seguimos dando resposta a unha das máis vellas reivindicacións do noso instituto: aquela que viña reclamando unha maior atención á biblioteca, tanto no referente aos espazos como ás actividades e funcións que a ela lle competen.

Por esta razón, o curso pasado formouse un EQUIPO DE BIBLIOTECA no que nos integramos un grupo de profesores que, xunto con Mari Carmen, nos propuxemos a súa dinamización e mellora. Deste modo, botamos a andar algunhas iniciativas novidosas (creación dun club de lectura presencial e virtual, concurso de marcapáxinas, creación dun blog, celebración do Día de San Valentín, actividade de nadal con alumnos inmigrantes, etc.) e repetimos outras que xa se viñan realizando en anos anteriores pero agora tamén vinculándoas á biblioteca (Conmemoración do Día do libro, visita á biblioteca dos alumnos de 1º de ESO , etc.). Todas estas actividades quedaron ben rexistradas en imaxes, vídeos, páxinas web, carteis, folletos, etc.

Queremos, desde logo, agradecer a toda a comunidade educativa a boa acollida dispensada e a entusiasta colaboración en todas as actividades programadas: a todos os alumnos e alumnas que participaron nos recitais poéticos roubando tempo aos momentos de lecer, a todas aquelas persoas que colaboraron no blog cos seus comentarios, a todos os que se implicaron nas sesións do club de lectura, etc. pois sen a vosa resposta de nada serviría o noso esforzo.

No pasado mes de xuño Mari Carmen elaborou un proxecto para presentar ao PLAN DE MELLORA DE BIBLIOTECAS ESCOLARES, e nel deu conta de todo o traballo desenvolvido polo Equipo ao longo do curso 2007-2008. O proxecto resultou seleccionado e deste modo o noso centro conseguiu unha subvención de 11.400 euros. Sentímonos satisfeitos ao comprobar que o noso traballo se viu recoñecido pola Administración Educativa.

Grazas a esta dotación económica puidemos, por fin, pensar na mellora das instalacións e do equipamento da biblioteca. Ao anexar o despacho de Vicedirección conseguimos un espazo máis amplo, que distribuímos en varias zonas ben diferenciadas:

A) Zona de administración para a xestión e mantemento dos fondos bibliográficos existentes.
B) Zonas de andeis para libros, discos, vídeos, etc.
C) Zona de lectura e de estudo. Con mesas que poden reagruparse de modos distintos (unha gran mesa, dez mesas pequenas, etc.)
D) Zona de lectura informal con sofás.
E) Zona de ordenadores: 4 ordenadores con conexión a Internet a disposición dos alumnos.
F) Zona de proxección con canón e pantalla móbil.

Con esta distribución pretendemos:

1. Crear un espazo amplo e convertible. Consideramos que a biblioteca ten que ser un lugar no que se poidan realizar actividades diversas; isto supón que ten que haber espazo suficiente e que o mobiliario ten que ser facilmente reorganizable para crear zonas segundo as necesidades do momento.

2. Crear un espazo alegre e visualmente atractivo. Por iso xogamos coas colores vivas e rechamantes para romper coa frialdade e monotonía das paredes brancas.

3. Crear un espazo utilizable para actividades múltiples. A biblioteca non pode ser só unha sala onde van os alumnos buscar libros ou estudar no recreo ou en horas de clase (incumprindo a asistencia obrigatoria ás mesmas); é dicir, non pode seguir sendo un espazo infrautilizado. Polo contrario, a biblioteca pode converterse:

* Nunha SALA máis do centro, na que se poidan desenvolver actividades como: recitais, conferencias en pequeno grupo, encontros con escritores, sesións de contacontos, visionado de películas e documentais, reunións do club de lectura, charlas, exposicións, etc., etc.

* Pode ser igualmente unha AULA máis do centro, á que poden acceder os profesores cos seus alumnos para impartir alí a clase (de titoría, de literatura, de historia, de física, de economía....) se desexan consultar os fondos bibliográficos de que dispomos.

* Tamén ten que ser sala de acceso a ORDENADORES para que os alumnos poidan realizar os seus traballos ou as consultas que precisen.

* E, obviamente, ten que funcionar como BIBLIOTECA, na que os alumnos atopen os libros, os discos, os vídeos ou os DVDs, que desexen.

En definitiva, trátase de actualizar e modernizar os usos que unha biblioteca escolar ten na actualidade, claramente distintos dos que tiña hai vinte ou trinta anos e tamén claramente diferentes dos doutras bibliotecas (universitarias, municipais, etc.)

Este é o punto de partida para esta nova cara da biblioteca. Quedan, evidentemente, moitos aspectos por mellorar. Pero, sobre todo, cómprenos a vosa participación e implicación neste novo espazo para que entre todos poidamos facer a biblioteca que soñamos e precisamos.

O EQUIPO DE BIBLIOTECA (Mari Carmen, Hortensia, Elvira, Virxilio e Celia)

15.10.08

ESTAMOS DE OBRAS







Aínda que xa levamos varias semanas de clase, a biblioteca permanece pechada porque, como todos sabedes, non remataron as obras que se iniciaron durante o verán para levar a cabo a renovación tantas e tantas veces reclamada.

Pero xa falta pouco e en breve descubriremos a nova cara da biblioteca. Atoparemos un espazo máis amplo, máis alegre, máis completo... no que poderemos continuar desenvolvendo interesantes actividades e experiencias.

Ata pronto!

3.7.08


28.5.08

MÁIS CAMPAÑAS DE FOMENTO DA LECTURA

En días pasados deixamos aquí un vídeo da campaña "Máis libros, máis libres" coa que a Consellería de Cultura quere potenciar a lectura. Agora poñemos estoutros igualmente interesantes e bonitos.








Library of Congress - Read from ZorroFX on Vimeo.


Por hoxe bastan. Outro día máis!
Se coñecedes vós algún outro enviádenolo!

23.5.08

GAIOLA ABERTA, XA ESTÁ AQUÍ!

Xa está á venda a revista do instituto, GAIOLA ABERTA.

Logo dunha pausa, reaparece con novos folgos. Entrevistas, cómic, caricaturas, fotos, artigos, horóscopos, textos literarios, enquisas... Hai de todo!


Podedes comprala durante o recreo na entrada principal.

13.5.08

ANNE FRANK

Os alumnos de alemán realizaron unha viaxe de estudos a Alemaña e durante a súa estadía en Frankfurt visitaron a casa de Ana Frank. Elisa comparte connosco as súas impresións e infórmanos acerca da significación deste lugar.

ANNE FRANK (* 12 DE XUÑO DE 1929 - MARZO DE 1945)

Anne Frank naceu o 12 de xuño de 1929 en Frankfurt, motivo polo cal se creou nesta cidade un centro de estudo dedicado á figura desta moza: a Jugendbegegnungsstätte (http://www.jbs-anne-frank.de/). Durante a nosa viaxe de estudos a Frankfurt tivemos a ocasión de visitar este centro.

Este centro sitúase no mesmo barrio no que estaba a casa natal de Anne Frank, que foi destruída durante a 2ª Guerra Mundial. Alí ofrécense seminarios e charlas, pero tamén se pode visitar unha exposición interactiva dedicada á vida de Anne Frank.

O punto de partida desta exposición céntrase no Diario de Anne Frank, e a partir deste preséntanse tres fases da historia:
- a figura de Anne Frank e a súa contorna
- o transfondo histórico
- a súa relación co mundo actual
Paralelamente ofrécense tanto testemuños da época como as opinións dos visitantes da exposición, polo que a exposición deixa moitas cuestións sen resposta:

- Existe unha guerra xusta?
- Que significa hoxe en día, en Alemaña, pertencer a unha minoría?
- Cal debería ser a nosa reacción a noticias relacionadas con xenocidios?

E inténtase dar resposta a elas, non só en relación con Anne Frank senón nun sentido máis amplo, aplicando estas cuestións a todas as vítimas da 2ª Guerra Mundial e de todas as guerras, persecucións, racismo e discriminacións. Esta exposición non é un museo, senón un centro interactivo, onde o visitante elixe o que quere ver, tocar e aprender.

Para máis información:
A exposición interactiva na rede [en alemán]: http://www.ein-maedchen-aus-deutschland.de/

Casa de Anne Frank en Amsterdam: http://www.annefrank.nl/

Centro de Anne Frank en Berlín: http://www.annefrank.de/

Bergen Belsen – Lugar conmemorativo: http://www.bergenbelsen.de/
Aquí tedes unha fotografía do facsimil do diario de Anne Frank. O orixinal atópase na súa casa en Ámsterdam.

28.4.08

MÁIS LIBROS, MÁIS LIBRES

A Consellería de Cultura puxo en marcha a campaña de fomento da lectura "Máis libros, máis libres".




O obxectivo desta campaña de animación á lectura é facer visible o libro e percibir que moitos hábitos cotiáns teñen que ver coa lectura (unha mensaxe publicitaria nun autobús, un brick de leite, o ticket da compra...) pero reflectindo que un texto literario é máis apaixonante.
A campaña estará presente nos medios de comunicación, nas bibliotecas e librarías, pero tamén noutros espazos menos frecuentes, como praias, transportes públicos, hostalería, etc.

22.4.08

DÍA DO LIBRO 2008 - EU LEO, TI LES


Un ano máis celebramos no Instituto o Día do Libro. Esta festa naceu en 1995 baixo os auspicios da UNESCO, que escolleu o día 23 de abril como o Día Mundial do Libro e do Dereito de Autor para conmemorar os libros, fomentar a lectura e a protección da propiedade intelectual. A elección desta data débese á coincide coa do falecemento de tres grandes escritores da literatura universal: o español Miguel de Cervantes Saavedra, o inglés William Shakespeare e o Inca Garcilaso de la Vega, todos falecidos en 1616. E tamén oincide co nacemento de Vladimir Nabokov e a morte de Josep Pla, entre outros.

Con este motivo, e como todos as anos, a Biblioteca trasladouse ata o hall para facilitar o préstamos dos seus fondos bibliográficos e promover a adquisición de libros co desconto correspondente nesta festa mais un caravel de agasallo.

O Departamento de Lingua Castelá e Literatura organizou un Recital de poemas sobre o tema “La juventud y el paso del tiempo”, realizado polos alumnos de Literatura Universal de 1º de Bacharelato, coordinados pola profesora Hortensia Alonso.

A continuación tivo lugar a proxección da curtametraxa Sueños reales, baseada no conto “O Suso” de Méndez Ferrín, realizada por alumnos de 4º de ESO: Martín Justo, Simón Vázquez e Roi López, xunto con Alba Recondo e Rebeca Obeso, e producida por ATCC (Asociación de Transmisión de Coñecementos Cinematográficos).

A seguir, procedeuse á entrega dos premios do CONCURSO LITERARIO DÍA DO LIBRO 2008, que recaeron nos seguintes alumnos:

Modalidade A:
1º premio: “Unha oportunidade para a Terra”, de Alba Pérez (1º D ESO)
2º premio. “Recuerdos de un poeta”, de Camila Loureiro (2º D ESO)
3º premio: “Recordando”, de Margarida Rodríguez (2º A ESO)
Accésit: “Descubrir un novo amigo”, de Sabela Rodríguez (1º D ESO)


Modalidade B:
1º premio. “Fragilidad y otras verdades”, de Carlota Mosquera (4ª C)
2º premio: “Branca e Alberte”, de Simón Vázquez (4º C)
3º premio: “Confidente de papel”, de Arianna Vázquez (4º C)
Accésit: “O anel centenario”, de Érika Estévez (4º D)

Modalidade C:
1º premio: Os poemas “Sueños en la distancia” e o relato “Tierra Soñada” de María González (2º A Bach.)
2º premio: Os relatos “Querido Zálatos” e “`Papel”, de Cristina Calle (1º D Bach.)
3º premio compartido:”In memoriam” de Manuel Valdés (2º D Bach) e “Melodía” de Aida Fernández (1º D Bach.)
Accésit: O poema “Mudanzas” de Lucía Cerreda (1º D Bach.)


E, por último, entregáronse os premios do Concurso CARTAS DE AMOR, no que resultaron gañadores os seguintes alumnos:

Primeiro premio: María González Martínez (2º A Bach.)
Segundo premio: Miriam Penido (1º D Bach.)
Terceiro Premio: Sara Sáez (4ª D)

A estes premios engadíronse estoutros accésits: Rut Hidalgo Gómez (1º A ESO), Laura Blanco (1º A ESO), Irene Pascual (2º A ESO). Nieves Bayón (2º D ESO), Lucía Cerreda (1ª D Bach.), Gabriela Calvo (1º A ESO), José Eneriz (1ª A ESO), Ana López Lastra (1º B ESO)

Noraboa a todos os premiados e Felices Lecturas!

5.4.08

ANXOS EN TEMPOS DE CHUVIA


Miguel Vázquez Freire: Anxos en tempos de chuvia

Xerais, Col. Fóra de xogo, 1997


RESUMO: Anxos en tempos de chuvia é a historia dunha rapaza e tres rapaces que morren na madrugada viguesa dun sábado nun accidente de automóbil. Moncho, irmán de Anxos, a rapaza falecida non quere aceptar as explicacións oficiais sobre a causa do accidente. A partir deste momento Moncho actúa coma un investigador, si, coma un detective que anda na procura de pegadas. Pero, en certo modo, coma un detective ó revés, porque o que Moncho busca non son as pegadas dun crime, senón pegadas dunha inocencia. A novela cunha trama artellada moi coidadosamente, aborda dende temas tan actuais como a problemática dos accidentes de tráfico, a droga, o consumo de alcohol, a sida, o rock bravú, a lingua e a identidade galegas..., ata os temas de sempre da mocidade como o amor, a iniciación á sexualidade adulta, a reflexión sobre a relixión e a existencia, e sobre todo, a consideración da morte como unha experiencia vivida.


Cal é a túa opinión sobre esta novela?

A SEREA DA ILLA NEGRA


Agustín Fernández Paz: A Serea da Illa Negra

Edit. Tambre, Col. Ala Delta, 2003

Este libro recolle dous textos, un deles xa publicado con anterioridade.
O primeiro, A Serea da Illa Negra, sitúase en Arán, unha pequena aldea de mariñeiros, onde vive Sara, a única nena do lugar. Cada mañá, desde a fiestra do seu cuarto ela ve o mar e a Illa Negra, unha escura masa rochosa contra a que as ondas baten sempre con violencia aínda nos días de mar calmo. Contan dela historias terribles por mor dunha malvada Serea que atrae os mariñeiros cos seus engados para logo levalos á cova.

O segundo dos textos, A néboa negra, é unha reedición de A néboa escura, con pequenas modificacións textuais. Branca, nena de once anos, vivía nun fermoso val polo que deron en pasar forasteiros con présas e medo pois seica fuxían dunha estraña peste que traía unha Néboa Escura. Un día chegou unha nube negra e anegou todo o val en néboa. Esa noite ela durmiu co seu colgante co tríscele gravado. Cando acordou, os seus pais seguían durmidos, como todos os seres vivos.
Cóntanos a túa opinión sobre este libro.

O MEU NOME É SKYWALKER


Agustín Fernández Paz: O meu nome é Skywalker
Edit. SM, Col. Barco de Vapor, 2003

Resumo argumental:
Desde a fiestra do seu cuarto piso, Raquel descobre entre a marea de xente que entra e sae do novo supermercado a un home de pantalón negro, chaqueta estrafalaria, pelo branco e unha pequena caixa na man dereita. Mais ninguén repara nel. Todos pasan ao seu lado sen miralo, como se fose transparente, excepto os nenos. E cando estes, sorprendidos, o ollan, os pais tiran deles para non deter a súa marcha. Tampouco a mai da rapaza pareceu velo, nin ao entrar nin ao saír de comprar, aínda que el se lle puxo practicamente diante. Desde ese día, Raquel, intrigada, ofrécese a baixar polo pan ou o periódico e obsérvao de preto: ten pelo branco, barba de dous días e na ollada unha tristeza infinita. Até que se atreve a dicirlle que coñece o seu segredo: é invisíbel, por iso os maiores non o ven. El cóntalle co seu acento estranxeiro que é un visitante das estrelas, un explorador doutro planeta, que vén estudar os homes, pois sabe o que pensan cando pasan á súa beira. Chámase, seica, Skywalker, como o da Guerra das Galaxias, que significa "o que percorre o ceo". Ela comprométese a gardarlle o segredo.


Anota a túa opinión acerca deste libro.

O PAZO BALEIRO



Xabier P. Docampo: O pazo baleiro
Ilustracións de Xosé Cobas
Col. Sopa de libros. Editorial Anaya.
Madrid, 1997


Resumo argumental:
Nicolás non é quen de segui-lo ritmo das clases. Amólalle ir sempre á escola. Así que toma a seria decisión de non volver procurando que seus pais non se decaten. Sen embargo está engaiolado polo traballo do seu tío Delio, un reparador de vellos reloxos que vive nun vagón de tren abandonado. Nun dese reloxos está o comezo dunha emocionante investigación da man dos seus amigos Ramiro e Sol, únicos cómplices dos seus segredos, cando atopan dentro dese reloxo un cofre con misteriosos obxectos.
Entre eses obxectos atópase unha carta que lles dá a clave para saber ónde comeza-la súa investigación: o pazo baleiro.


E ti que opinas?