27.2.09

Entroido 2009

O venres día 20 celebramos no Instituto o Entroido. A imaxinación e as ganas de diversión quedaron patentes un ano máis. Felicitamos a todos pola alta participación. E xa podemos ir pensando no do ano que vén!

24.2.09

DÍA DE ROSALÍA DE CASTRO

Hoxe, Día de Rosalía de Castro, aniversario do nacemento da escritora, a Asociación de Escritores en Lingua Galega reivindica a súa figura con este manifesto de Teresa Moure.


NO DÍA DE ROSALÍA DE CASTRO
Noutro 24 de febreiro nacías, Rosalía, no Camiño Novo, nas inmediacións de Santiago de Compostela, a poucos quilómetros de onde se escribe esta lembranza. Hoxe celebramos o teu nacemento unicamente por termos así un punto de referencia para te homenaxearmos porque, para actuarmos con propiedade, deberiamos celebrar o día en que escribiches tal ou cal poema, o día en que decidías dar ao prelo o poemario inaugural do primeiro Renacemento, o día en que remataches o prólogo de Follas Novas, ou tantos outros días decisivos para a escrita en galego cuxa data exacta descoñecemos e que, daquela, non podemos conmemorar.

Se a morte non fose un camiño sen volta, se puideses ver cos teus propios ollos o noso país -o país "en que me eu criei", como ti dirías-, sorprenderíaste do actual que resulta a túa obra, a pesar do paso implacábel do tempo e dos moitos cambios que operaron no mundo. Coido que non te abraiarían as novidades tecnolóxicas que envolven as nosas vidas; como nunca fuches babeca nin reaccionaria, asumirías os novos inventos no que valen mais tampouco non te deixarías cegar polas falsas aparencias de modernidade que producen as máquinas. Con toda seguranza, celebrarías o progreso económico, que nos libra de ver por toda a parte, como ti viches, a miseria e os padecementos dunha sociedade empobrecida que queremos deixar atrás, aínda que seguramente o teu ollar, atento aos detalles, se decataría con precisión de que o luxo consumista en que nos bambeamos non ten nada a ver coa xustiza nin abrangue toda a poboación. Porque ti, Rosalía, non escribías poemas para exercer de delicada nin de dama triste e mexeriqueira, senón coa intención de condensares na escrita a forza revolucionaria que levan as palabras dentro. "Libros enteiros poideran escribirse falando do eterno infortunio que afrixe ós nosos aldeáns e mariñeiros, soia e verdadeira xente do traballo no noso país. Vin e sentín as súas penas como si fosen miñas; mais o que me conmoveu sempre, e polo tanto non podía deixar de ter un eco na miña poesía, foron as innumerables coitas das nosas mulleres", escribiches hai case cento trinta anos e, con todos os matices que cumpra introducir, este texto segue a nos conmover pola reivindicación das clases traballadoras e da situación especial das mulleres. Non importa se os labregos e mariñeiros non representan xa a maioría dos galegos porque a preocupación social dos teus versos podería aplicarse por igual ás masas proletarias, separadas da sociedade do benestar por marxinación social ou desemprego, e se nos teus poemas os mozos labregos emigran á Habana, na actualidade marchan a Canarias ou xogan a seren cidadáns de ningures nun sistema capitalista que non sabe de patrias.

Se puideses saber como vén sendo interpretada a túa obra, -como punto de arranque, como peza chave, como exemplo dunha rara lucidez-, ti que non fuches vaidosa, descansarías en paz. Aínda que para iso habería que evitarche o coñecemento de seres tamén malinterpretada, manipulada e lida en certos círculos, sobre todo fóra da Galiza, como soñadora melancólica, como intimista romántica, todo por teres dedicado algúns poemas á infinita dor da existencia, o que parece convertelos en material máis doce, menos atrevido que a maioría da túa escrita. Sen dúbida, fuches tan adiantada ao teu tempo que militaches en causas que aínda non se recoñecían como tales, nin tiñan quen as defendese. Así se explica que o que hoxe chamamos violencia de xénero e aparece nos medios de comunicación como un asunto actual, como un problema acabado de detectar, estivese xa naqueles versos de Follas novas: "Que hai uns negros amores de índole pezoñenta/ que privan os espritos, que turban as concencias,/ que morden si acariñan, que cando miran queiman,/ que dan dores de rabia, que manchan e que afrentan./ Máis val morrer de friaxen/ que quentarse á súa fogueira". Seguro que se vivises hoxe entre nós os seminaristas volvían apedrear as túas xanelas, aínda que se cadra só te insultaban por blogue: as formas poden variar mais, con toda probabilidade, seguirías estando nas barricadas. Por iso o pouso da túa obra fica ao fondo. Por iso, neste día de homenaxe, sobre todas as cuestións que espertaron o teu interese, quizais deberiamos atender especialmente o teu compromiso coa lingua. "As multitudes dos nosos campos tardarán en ler estos versos, escritos a causa deles, pero só en certo modo pra eles" porque hoxe eses versos son xa accesíbeis a quen os causou. Nunca na historia precedente tivemos a totalidade da poboación alfabetizada e coa posibilidade de frecuentar libros (de os sobar, de os ler, de os aprender, de os adquirir, de os comentar, de se impregnar deles). Daquela estamos xa na época en que as multitudes dos nosos campos poden coñecer sen mediadores o que ti dixeches só en certa forma para elas. Mais esta situación feliz foi producirse nunha época en que todo vai ás présas. Ti dicías que dez anos son moitos a xulgar pola présa con que hoxe se vive e nin te imaxinabas canto máis apurado se pode andar, como andamos agora, correndo sen sabermos onde nin detrás de que. Porque cando tiñamos todo para nos envolvermos como sarillo na historia pasada e comezar a florecer, os ánimos afrouxan. Dixéronnos que o mundo era todo igual e que se expresaba en inglés e moitos acreditan en tal desatino, volvendo as costas ao que é de seu e soñando con vestiren coma outros, con falaren coma outros, con seren coma outros... E como non sería cousa de chamares as xentes á guerra para logo desertar da bandeira que ti mesma levantaras, Rosalía, se estiveres entre nós, estarás en aberta oposición aos sectores da sociedade que reclaman a súa liberdade a non seren galegos, a non se construíren como tales. Como tantos libros enganosos, que só din medias verdades, contan que eras unha dama do XIX, de non fitarmos en profundidade, podemos esquecer que eras -e es, que a túa obra vive- unha activista comprometida, que non andabas con florituras nin escribías de pombas e flores por teres alma de muller, que o teu compromiso coa nación e coa lingua foi tan alto que todo o que tivo un eco por leve que fose, con tal que chegase a te conmover, todo isto ousaches cantar para declarar perante os que sen razón nin coñecemento ningún nos desprezan "que a nosa terra é dina de alabanzas, e que a nosa lingua non é aquela que bastardean e champurran torpemente nas máis ilustradísimas provincias cunha risa de mofa que [...] demostra a iñorancia máis crasa i a máis imperdoable inxusticia que se pode facer dunha provincia a outra provincia irmá por probe que esta sexa". Contigo aprendemos a ser elos dunha cadea, a non renegarmos, a recoñecermos que só sendo galegas e galegos podemos ser universais. Que o peso da terra sexa leve, compañeira!

18.2.09

Días de entroido

Xa está aquí o entroido, sen dúbida unha das festas máis populares de Galicia, e especialmente na provincia de Ourense.

Estes días estase celebrando na cidade o III Congreso de Patrimonio Etnográfico dedicado ao ciclo do entroido. Nel pásase revista aos diversos entroidos ourensáns, non só aos do chamado "triángulo máxico" (Laza-Verín-Xinzo), senón tamén a outros minoritarios e menos coñecidos, pero igualmente interesantes e de gran importancia etnográfica: Viana do Bolo, Vilariño de Conso, Sarreaus, Maceda, Castro Caldelas, Bande... e mesmo nas comarcas colindantes de Lugo, Zamora, León ou nas zonas limítrofes de Portugal. Cada un conta cos seus personaxes populares, cos seus ritos particulares e, sobre todo, con moita diversión e bo humor.

Para os interesados nesta festa, podedes pinchar neste enlace do Especial de Entroido publicado na páxina de Contidos Educativos da Consellería . Coñeceredes a etimoloxía da palabra, a orixe, a historia, as máscaras, a gastronomía, etc. Tamén e interesante a información que nos aporta a Wikipedia. Tamén podedes pinchar nestoutros enlaces: "O entroido na provincia de Ourense" e "As orixes e ritos do entroido"

Nós celebraremos o entroido o próximo venres. Animámosvos a participar no Concurso de disfraces, así como nos xogos populares que terán lugar no patio. E tamén entregaremos os premios do Concurso de máscaras que estivestes elaborando. Sorte.

E moita troula, festa, diversión, foliada, xolda, esmorga, rexouba,... ou como vós prefirades chamarlle.

14.2.09

Letras, letras, letras...

Localizamos esta interesante presentación na que, desde o humor, se realiza unha eficaz proposta de animación á lectura. Hai outra maneira máis efectiva de dicilo?

13.2.09

RECITAL DE POESÍA DE AMOR

Anticipándonos á data de mañá, hoxe tivo lugar na biblioteca un recital de poesía de amor no que interviñeron un grupo de alumnos de 3º E e 4º B.

Natalia Movilla (4º B): rima X "Los invisibles átomos...", de Bécquer
Leandro da Silva (3º E): "Xaneiro 1972 II, de Celso Emilio Ferreiro.
Iago Vázquez (3º E): "Epitafio del enamorado", de Juan Bonilla.
Kevin Toro (3º E): "Así, sí",de Karmelo C. Iribarren.
Noelia Vila e Brais Piñeiro (4º B): rima XXIV "Dos rojas lenguas...", de Bécquer.
Thomas Kinsella (3º E): "Meniña, rapaza nova", de Eduardo Pondal.
Cristian Morales (3º E): "Te quiero", de Luís Cernuda.
Rosario Nóvoa (3º E): "Toma esta chave", de Antonio García Teijeiro.
Soraya Sorga (3º E): "El desayuno", de Luis Alberto de Cuenca.
Suso Costa (3º E): "Contigo", de Luis Cernuda.
Samuel López (3º E): "Yo no quiero morirme...", de Elsa López.
Esteban Martín (4º B): rima XLI "Tú eras el huracán...", de Bécquer.
Arely G. Zúñiga e César González (4º B): rima LIII "Volverán..." de Bécquer.

E Diego Álvarez (3º E) recitou este poema da súa creación:

Atopeite namorada
no máis profundo do meu alento.
Cautivaches a miña alma
desde o interior do meu pensamento.
cada noite, desde o ceo,
as estrelas botan a voar
e hoxe só che digo
co meu espírito máis sincero:
ata a fin do mundo
saberei que te quero.



Entrega do premio de Marcapáxinas 2009

Hoxe entregamos o premio de Marcapáxinas 2009 a Margarida Rodríguez Tilve e tamén os 5 accesits a: Emiliana Madrid, Antela Costa, Andrea Pascual, Cristina Calle e Lara Cortizas.