30.11.07

CLUB DE LECTURA

─Se queres coñecer historias e experiencias diversas...

─Se che gusta expoñer as túas opinións...

─Se queres descubrir outros puntos de vista...

─Se che gusta ler...


AGORA podes participar no


CLUB DE LECTURA AS LAGOAS


Ven á BIBLIOTECA

o martes 11 de decembro ás 11 horas

e...

BOTARÉMOLO A ANDAR

CONCURSO DE MARCAPÁXINAS

A Biblioteca convoca un concurso de marcapáxinas de acordo coas seguintes BASES:

I. TEMA. O marcapáxinas conterá:
1-Un debuxo referente á lectura ou aos libros.
2-Un texto escrito, que pode ser:
a) Unha frase ou slogan acerca da lectura.
b) Unha cita literaria.
c) Etc.

II. FORMATO.
Material: Cartolina.
Tamaño: 21 x 5 cm.
Pode empregarse calquera técnica pictórica.

III. PRAZO. Ata o día 25 de xaneiro de 2008, os participantes entregarán na Biblioteca o seu marcapáxinas, asinado cun lema ou pseudónimo e acompañado dun sobre no exterior do cal figurará o mesmo lema e no interior os seus datos persoais.

IV. PREMIO. O marcapáxinas gañador será premiado con 50 € en metálico.

Este marcapáxinas, convertido en marcapáxinas 2008, será reproducido e entregado como agasallo na Biblioteca.

Anímate e PARTICIPA!

Gaiola aberta

A revista Gaiola aberta regresa... Aquí tes a convocatoria:

"En chinés, en portugués, en galego, en finlandés, en injlés o en arameo, en quechua o en mapuche, en castelán ou en euskera, en swahili o en zulú, en francés ou alemán, con emoticóns ou en SMS…

… pero Fala.

Cartas ó director: se tes algo que dicir. Contos, historias, relatos curtos: imaxinación ó poder, chegou a hora da vinganza. Pasatempos (sudokus, autodefinidos, crucigramas, sopa de letras). Ideas (animais, plantas, trucos caseiros). Saúde e Beleza ( o mellor para ti ). Humor: chistes, cómics. Xente: … do instituto, por suposto. Comentarios: de cine, de música, de libros, de deportes, de motos, do que queiras. Entrevistas: 15 preguntas a …
Concursos ( científicos, xeografía, historia, caralladas varias ).
Mensaxes por palabras: A ver se se entera.
Fotografías: calquera formato, móntao, móntaás.
Ilustracións (deixa xa de pintar nos pupitres) .
Os meus favoritos: o que podes atopar na web …
Compra-venda: anuncios por palabras.

Apúntate
(en Filosofía e Alemán)"

26.11.07

Buscadores de música

Do blog de Pedro Cuesta recollemos dúas interesantes ligazóns que nos van permitir localizar música para escoitala en versión audio ou ver os vídeos musicais en YouTube.
http://www.songza.com/ e http://www.muvibee.com/

Unha boa noticia para os melómanos!

24.11.07

DONKEY XOTE

O mércores día 20 no Festival de Cine de Ourense tivo lugar a preestrea mundial da película Donkey Xote, de Filmax Animation. Esta nova versión do clásico cervantino, cun fidalgo afastado do estereotipo de louco e cun Sancho convertido nun home rico, chegará aos cines este Nadal.

16.11.07

Festival de cine internacional de Ourense

Esta fin de semana comeza unha nova edición do Festival de cine, xa a número 12, que se desenvolverá do 17 ao 24 de novembro.


Unha vez máis, temos a posibilidade de presenciar producións cinematográficas e audiovisuais de Galicia e de todo o mundo.

O festival oferta unha ampla selección de longametraxes, curtametraxes e documentais.
Algunhas propostas:
El lugar del poeta (29 Letras SL, 2007) (documental sobre o poeta ourensán
José Ángel Valente)
Donkey Xote (Bren Entertainment - Filmax Animation, 2007)
O Cid, a lenda (Filmax Animation, 2003)
Para coñecer o programa entra na páxina oficial do festival http://www.ourencine.org/

13.11.07

San Martiño 2007

Chegou o San Martiño

Por fin chegou o San Martiño e o Montealegre volveuse encher de fogatas e recendo de castañas e chourizos.

No instituto tamén celebramos o noso magosto. Comemos castañas , realizamos xogos divertidos e pasámolo realmente ben.

Tamén aproveitamos para coñecer algunhas mostras de literatura popular sobre as castañas e os magostos. Velaquí algúns exemplos:

CANTIGAS POPULARES
Non chas quero, non chas quero,
castañas do teu magosto;
non chas quero, non chas quero,
que me cheiran ó chamosco.

Acabáronse as vendimas
e veñen as esfolladas,
para comer coas meniñas
catro castañas asadas.

As castañas son castañas,
os ourizos son ourizos;
os ollos da túa cara
para min son dous feitizos.

A castaña no ourizo
quixo rir e rebentou.
caendo castiro abaixo
mira que golpe levou.

Has de cantar
que che hei de dar zonchos;
has de cantar
que che hei de dar moitos;
has de cantar e has de cantar,
has de cantar
que chos hei de dar.

As castañas ben se comen,
o viño vaise bebendo;
o cariño vai entrando
e a honra vaise perdendo...

San Martiño de Ourense,

bota as castañas embaixo,
pero bótaas ben grandiñas
que ás pequenas non me abaixo.

Moza que estás no canizo,
bota castañas embaixo,
que anque non teño mandil
apáñochas co refaixo.

—Miña nai, doime a barriga.
—Miña filla, confesión.
As castañas que comiches,
de que castiñeiro son?

Acabáronse as castañas,
secáronse os castiñeiros;
acabáronse as rapazas,
quedan os mozos solteiros
.


ADIVIÑAS
Que cousa cousiña é
que pica moito por fóra
e por dentro sabe ben?

Alto me vexo
no meu lugarexo.
Por unha risada
perdín a miña anada.

Alto vivo,
mírame a xente
e se me río
quedo sen dente.

Altos pais,
capeludas nais,
os fillos incha-foles,
adiviña ti, se podes.

Unha cousiña cousa,
criada no monte,
enxoita na casa
e cómese sen tasa.

Son verde e non son limón,
son moura e non son carbón,
son vermella e non son sangue,
son branca e non son papel,
Que cousa cousiña son?

Ten pelexo como a xente
e é moi boa para comer.
Chega polos mes de Santos
e todo o ano a tes.

Cal é a cousa, cal é ela,
ten tres capas de inverno:
a primeira mete medo,
a segunda é lustrosa
e a terceira é amargosa?

Eu nacín dentro dun berce,
onde ninguén tocar ousaba:
quen puña a man non tornaba...
Entre cidades e cortes
me desexan ver crecida,
e as mulleres preguizosas
comigo gañan a vida.

REFRÁNS
Polo San Martiño, castañas e viño.
Castañas, noces e viño, fan a ledicia do San Martiño.
Polo San Martiño faise o magosto, con castañas asadas e viño ou mosto.
Polo San Martiño, deixa a auga, come castañas e bebe o viño.
Fíate das castañas asadas, que se estoupan sairanche á cara.
Con castañas asadas e sardiñas salgadas non hai viño ruín.
A castaña que está no camiño é do veciño.
As castañas que despois do San Martiño quedan no souto, son do moucho.
Cada crouco no seu souto.
Se xantas castañas, de visita non vaias.
Tan honrado é o caldo coma as castañas!

10.11.07

Cantiga do San Martiño

Hoxe, día de San Martiño, festa en Ourense, creamos esta cantiga coa que todos os ourensáns se identificarán:

Xa chega novembro,

vén o San Martiño,

e no Montealegre

castañas e viño.


Bo magosto a todos!

A nosa biblioteca

9.11.07

Ith

Alba Pérez Fernández (1º D)

Ith é un libro fermoso da época dos celtas. Estes personaxes que describe Silvestre Gómez Xurxo puideron existir hai moitos anos.
De Ith resaltaría a súa valentía e o seu espírito loitador e describiríao tal e como fixo o seu irmán Brego cando Ith partiu de Brigantia a Eirín: descendente da estirpe dos soñadores.
Pero a diferenza do autor, eu non remataría o libro coa morte de Ith. Ith merecíase outro final.

Carmen Sotelo de la Vega (1º D)

O libro encantoume e enganchoume moito. O que non me gustou foi como rematou. Fíxenme un pouco de lío cos nomes porque canda falaba de alguén sempre dicía como se chamaba o seu pai, irmáns, etc.
Encantoume cando fala da hidra e as consecuencias que tivo, xa por vida ou relixiosas. O que me pareceu moi inxusto foi cando chegou a Erín (a Terra nova) e tratárono desa maneira.
Pero este libro gustoume máis ca ningún.

Cartas de inverno

María Fernández Bertólez (3º B)
Gustoume moito o libro, porque gústame a novela fantástica e de suspense.
É un libro moi ben feito porque non che custa meterte na historia e, por ejemplo, no final, cando Tareixa descobre que a maldición non rematou, non explica que é o que ve, e ti imagínalo, e así é moito mellor.

Mario Suárez García (3º B)
O libro pareceume moi interesante xa que a medida que o ías lendo querías saber o que ocorría. O final foi o peor, xa que non quedou moi claro o que lle ocorreu a Xabier.

Cando petan na porta pola noite


Marta Mejía Orbán (1º C)
É un libro que a min asustoume un pouco, menos “O cumpremortes”, xa que nese sentido decepcionoume porque non era moi “terrorífico”. Aínda que a min máis que medo, déronme un pouco de noxo, e o día que lin “O Fornadas” xa non quixen cear, porque imaxinaba o cheiro que sentían aqueles homes co cabelo queimándose, e a vella sentándose no forno antes de morrer.
Moitas veces fálolle á miña irmá dos libros que leo e ela sente curiosidade por saber como é este, pero non llo digo porque se non non dorme nos próximos tres meses. Pero non é que non llo queira contar porque non me gusta, todo o contrario.
Os contos que máis me gutaron foron “O espello do viaxeiro” e “A loba”.

Alba Pérez Fernández (1º D)
Gustoume esta recopilación dos catro contos demedo porque imaxínome que como antes non había televisión nin ordenador, nos ratos mortos a xente contaba historias como estas arredor do lume. Mais dun íase asustado para a cama.
O conto que máis me gustou foi “O espello do viaxeiro” porque o final era moi inesperado.
Tamén me gustou a poesía do final “Eu teño medo a…”

Víctor Ruído (1º D)
O libro está moi ben e os contos que máis me gustaron foron “O espello do viaxeiro” e “O Fornadas”. O que menos me gustou foi “A loba”, porque me parecía que non era un conto tan de medo coma os outros, anque tiña un bo argumento. Os contos están moi ben e cun bo argumento.

7.11.07

Visita á Biblioteca Pública


















Os alumnos de 1º de ESO acoden esta e a próxima semana á Biblioteca Pública, onde lles amosan as distintas seccións e dependencias, realizan búsquedas de libros a través do ordenador, observan a distribución dos libros nas distintas salas, visitan o depósito de libros antigos, coñecen os libros que se atopan ao seu dispor, etc.


Unha interesante visita que anima a moitos a solicitar o seu carné de socios.

6.11.07

Trece anos de Branca


Guillermo Salgado López (1º C)
A verdade é que este libro encantoume, sobre todo porque foi moi entretido e bonito. O que máis me gustou foron os primeiros capítulos, porque gustoume como empezou a historia. Eu este libro recomendaríallo a calquera neno da miña idade.


Marta Mejía Orbán (1º C)
Este libro encantoume, é como estar vivindo desde o principio da súa enfermidade ata que acaba.
Tamén me gustou porque a miña avoa sempre fai marmelos e de pequena tamén me encantaba o seu cheiro, como a Branca.

Ada Iglesias Carballo (1º C)
O libro gustoume moito, pero decepcionoume, esperábame algo máis. Pero engancha, é dicir, que se empezas a lelo non podes parar, porque te fas a pregunta: “E que vai pasar despois?”

Claudia Platero Pérez (1º D)
Este libro gustoume bastante, aínda que ao principio pensaba que ía ser aburrido. Unha parte que me gustou moito foi a última, porque vese como coa enfermidade Branca foi aprendendo cousas da vida e deixando atrás a infancia. Tamén a anécdota de Lois, cando contou que a “Víbora” fora a do anónimo. En xeral foi moi entretido, aínda que algunhas partes facíanse pesadas.
Foi un dos libros en galego que máis me gustou.

Juan Pereira Fernández (1º D)
O libro en xeral gustoume pero non me gusta moito o final, porque ela explícache cousas sobre cada foto, pero non sabes cada canto tempo pasa un día, entón ao final dáste conta de que para ti non pasou ningún día.
A miña parte favorita é cando Lois conta a historia de que a Víbora fixo unha trampa para que o botaran do colexio. Tamén me gustou a historia da dracaena porque ela di que a planta morrera nova, sen embargo a nai explícalle que as plantas viven menos ca os homes.
O libro gustoume moito porque explica as cousas que lle pasan por ser adolescente como por exemplo estar de mal humor e botarlle a culpa aos demais por calquera cousa, como cando ela lle bota a culpa ao pai por coller un dos folios verdes.

Alba Pérez Fernández (1º D)
Este libro pareceume fermoso, aínda que ao principio resultárame algo aburrido. A parte que máis me gustou foi na que Branca recapacita e cae na conta de que xa non é unha cativa e empeza a fase da adolescencia.
Agustín Fernández Paz é un autor que me gusta moito xa eu escribiu un dos meus libros preferidos cando era cativa: Un tren cargado de misterios.


Clara Pérez Ruíz (1º D)
Este libro pareceume moi interesante só con botarlle a primeira ollada, e aínda máis ao comezar a lelo. E cada vez que o lía desexaba continuar porque “enganchoume” moito. Paréceme que é interesante o feito de relatar a vida dunha adolescente, coas súas preocupacións, enfados, o primeiro amor... e aínda máis estando enfermo de hepatite.

Sabela Rodríguez Vázquez (1º D)
Gustoume moito, quizais porque me sinto identificada con Branca. Decateime de que a pesar de que o autor fose xa maior, coñece moi ben os pensamentos e sentimentos dos nenos e nenas de hoxe en día. Está moi ben redactado e o capítulo que máis me gustou foi o da maxia das palabras e, en especial, o final do libro. Era precioso.

TRISTES ARMAS

 
Autora: MARINA MAYORAL
Título: Tristes armas
Editorial: Edicións xerais
Ano de publicación: 

Sinopse:
 Esta é a historia dunha carta que nunca chegou ó seu destino. Tamén é a historia de dúas nenas, Harmonía e Rosa, exiliadas en Rusia, de dous amigos que se atopan en bandos opostos, dunha muller loitadora, dun carteiro namorado, dun rapaz empeñado en borrar a tristeza dos ollos dunha rapaza. É unha historia de fillos separados dos seus pais, de parellas desfeitas, de homes e mulleres zarandeados e maltratados polos ventos do odio. Pero Tristes armas é sobre todo unha historia de amor.Tristes armas presenta dende un punto de vista sinxelo e profundamente humano algúns episodios da Guerra Civil, desde o punto de vista dos que non combateron, pero que sufriron as súas terribles consecuencias.


E ti que opinas?


María Fernández Bertólez (3º B)
É un libro que persoalmente me gustou moito, aínda que ao principio non me animaba especialmente a lelo.
É un libro moi emocionante, méteste moito na historia, cegando a doerche verdadeiramente o que pasa na historia.
É tamén un libro que mostra as cousas tal como son, e rompe con ese tópico de: “ao final todo acaba ben”, por exemplo no feito de que Harmonía non volva a ver á súa nai.
Tamén ensina que na vida nada é fácil, por exemplo cando Harmonía leva días pensando que lle ten que escribir unha carta a seus pais, e sen embargo, cando chega o momento non atopa as palabras, e ao final quedan cinco minutos, sáenlle as súas maiores preocupacións, ó non saír a despedirse da súa nai.
Gustoume moito porque é un libro moi real, moi franco, non é ningún conto de fadas.
E tamén porque xa entrados na historias, esta é moi fácil de ler.

Iago Fernández Méndez 3º B)
É un libro bonito, que me gustou porque trata de aventuras. A primeira e a segunda Guerra Mundial, a batalla do ebro, onde morre Miguel, etc. Gustoume tamén porque trata de historias de amor, como por exemplo, o casamento de Carmiña e Dick Butwin e de Harmonía e León, tamén fala de tristezas, como a morte do pai de Harmonía e Rosa, e tamén de moitos momentos divertidos e alegres. En resumo, gustoume e paseino moi ben lendo este libro.

Cintia Meijide Taboada (3º B)
A miña opinión persoal é que é un libro moi bonito e fácil deler, e creo que describe perfectamente a situación da xente durante a Guerra Civil e a posguerra. Que nos achega ese clima tan grande de división entre as familias, como dous irmáns poden chegar a levarse mal por simples ideoloxías políticas opostas; o sufrimento dos pequenos nun conflito bélico, a dificultade para obter información dos teus seres queridos naquela época e naquelas condicións... o instinto de superación e, como non, o amor neses momentos. Eu creo que claramente reflexa unha dura, pero realidade da España na Guerra Civil, de loitas ferventes por un ideal político e máis tarde na época fascista e que tamén, de forma máis leve reflexa os cambios e os conflitos mundiais.

Anxo Rodríguez Vázquez (3º B)
Gustoume bastante o libro. Leveime unha sorpresa ao lelo porque cando ía polo principio pensei que se ía falar de Rosa e Harmonía, pero non, tamén contou a historia dos que quedaron en España. Os que pero me caían eran os tíos das nenas porque a muller era unha beata e unha facha e o home por non arriscarse un pouco deixou as rapazas en Rusia, aínda que eu penso que estaban mellor alí que cos tíos.

Mario Suárez García (3ª B)
Foi un libro que me gustou moito xa quen el, ademais de ensinarnos o duro que é a guerra, móstranos como unha nena refuxiada chegou a ser unha gran bailarina, o amor entre as persoas, como pasou con León e Harmonía; e moitos valores máis como a compaixón, a dor... É dicir, que de algo malo poden chegar a ocorrer cousas fermosísimas.

Adrián Vázquez Yáñez (3º A)
É un libro que che fai reflexionar sobre a sorte que temos os rapaces de agora e a mala sorte que tiñan antes. Agora xa non fai falta que nos marchemos a Rusia nin a ningunha outra parte, porque temos a sorte de que, de momento, en España hai traballo e escolas, e ningunha guerra. Tamén é o libro máis interesante dos que lin.

Candela Rivera Leal (3º A)
Pareceume unha lectura amena, adaptada a calquera idade. É unha historia triste, e hai pequenos detalles como no momento en que a nai non pode ir despedirse ó barco, ou cando dorme enriba do saco das cartas de Rusia, momentos que arrancan algunha bágoa contida.

Iago Román Vázquez (3º A)
O libro gustoume, pareceume entretido, e está narrado dunha forma moi lixeira, facéndose agradable a lectura en cada páxina. O final non me acaba de convencer, é un pouco raro, acaba moi pronto para o meu gusto. Desenvolve a historia e acábaa de súpeto, pasando 50 anos nunha soa páxina. Gustaríame máis que fose contando a vida dos personaxes máis paseniñamente. Pareceume tamén un pouco triste que Harmonía e súa nai, Carmiña, non se viran máis. Pero polo demais, é divertido e entretido, merece bastante a pena lelo.