19.1.17

CLUB DE LECTURA - OS MEGATOXOS

Os membros do club de lectura de 1º de ESO comezan este novo trimestre coa lectura do libro Os Megatovos e o aprendiz de druída, de Anxo Fariña. Pronto descubrirán as aventuras dos seus protagonistas: Ruxe, Faísca, Lúa e Ninfa. Con cal deles se sentirán máis identificados?









17.1.17

NOVAS ADQUISICIÓNS

Co novo ano chegaron á biblioteca unha morea de novos libros que están xa dispostos para que os levedes para a vosa casa. Ledicia Costas, Antón Riveiro, Elena Gallego, Manuel Esteban, Fran Alonso, María Reimóndez, Manuel Núñez Singala... garántenvos  unha tarde de estupenda lectura.



15.1.17

TODOS SOMOS

O alumnado de 1º de ESO anda estes días lendo a novela Todos somos, de Marcos Calveiro (Edicións Xerais), unha historia sobre a desaparición dunha nena de instituto e as repercusións que ese feito produce nos compañeiros e compañeiras, nas familias, nos medios de comunicación, nos cidadáns...

Sinopse editorial:
Dende a desaparición de Natalia os pais de Antón xa non lle deixaban baixar o lixo á noitiña. Parecía incríbel que a súa vida, a vida de todos eles, dese un xiro tan brusco e dramático en tan pouco tempo. As cousas andaran nas mans do demo dende que a nova da desaparición de Natalia, compañeira de clase de Antón, correra como a pólvora por toda a praza da Bichoca. O sábado, ao día seguinte de desaparecer, xa o sabía todo o mundo. Mais foi o domingo cando todos foron conscientes da brutal realidade e de que a cousa ía en serio.

A historia, que inevitablemente nos trae a mente casos similares de actualidade, daranos moito para falar nos próximos días.
A continuación, a reseña de Mario Regueira en Sermos Galiza


 

E ti, que opinas? Deixa embaixo os teus comentarios.