14.2.08

POEMAS DE AMOR

O Día de San Valentín é, alén do seu valor comercial ben aproveitado polos grandes almacéns, unha boa ocasión para achegarnos á poesía.

Esta mañá no Salón de actos tivo lugar un recital de poesía de amor, no que participaron alumnos de 4º de ESO e mais os de 1º de Bacharelato da materia de Literatura Universal. Nas súas voces escoitamos unha selección de poemas de moi diversos autores: Neruda, Avilés de Taramancos, Bécquer, Xulio Valcárcel, Cernuda, Lorca, etc.









Ao mesmo tempo, aproveitamos para entregar os premios do Concurso de marcapáxinas 2008 que acabamos de fallar.

13.2.08

O lapis do carpinteiro

No que á miña opinión se refire, este é un libro que xamais podería deixar a alguén indiferente. A min persoalmente cautivoume polos seus personaxes tan naturais e tan complexos, sobre todo Herbal, un ser miserento que se transforma polo feitizo do lapis de carpinteiro ou ó pintar coas súas ensinanzas ó garda unha vez que xa morreu. Innegable tamé a maxia de Daniel da Barca que se gaña ó lector desde as primeiras liñas.
(Artur M. Puga, 1º Bacharelato E)

Esta novela gustoume moito e deixoume unha visión optimista dentro do sufrimento que me produce a inxustiza dos acontecementos na época da Guerra e Posguerra. Pareceume moi interesante o personaxe de Herbal, xa que non representa o malo nin o bo da historia, relata os feitos con dúas personalidades e puntos de vista diferentes: o pintor que aporta certo punto de bondade a Herbal eo home de ferro que é o carácter duro e sen escrúpulos de Herbal. Deixoume unha visión positiva porque asómbrame o carácter optimista dos protagonistas fronte ós acontecementos tan inxustos e despiadados polos que pasan: o cárcere, os fusilamentos, a falta de comida, de hixiene, de liberdade...
(María Fincias Pérez, 1º Bacharelato)

O libro é o libro que me fixo chorar por primeira vez e o que me animou a escribir algunha historia que outra. É un dos meus libros favoritos. Nel só hai dous saltos no tempo, o do principio (cando aparece Da Barca, hoxe, enfermo na casa) e o do final (cando Herbal descobre que Da Barca finou de vello), pero penso que son os que xustamente acomodan nesta historia de amor na Guerra Civil, que deixa no lector un sentimento de tristura, pois quere este que o protagonista non morra nunca (nin de vello) e a historia de amor de Marisa e Daniel dure eternamente. Claro que sempre perdurará, grazas a Manuel Rivas que, por certo, é un dos meus escritores favoritos, ao que lle teño que ler, en pouco tempo, a súa obra Os libros arden mal.
(Breogán Antón Martínez Vila, 1º Bacharelato E)

11.2.08

MARCAPÁXINAS 2008

Xa temos MARCAPÁXINAS 2008!


O xurado acordou conceder o primeiro premio ao marcapáxinas creado por Fabio Perianes Santos, de 2º de Bacharelato E.

E, ante a calidade e variedade dos marcapáxinas presentados, o xurado decidiu outorgar as seguintes mencións:

-Sheila Domínguez Paz (2º Bacharelato C)


-Sara Cid Feijoo (4º B)


-Nieves Bayón Fernández (2º D)


-Patricia Ruiz Álvarez (1º C)








ELE

O noso blog ten un novo ocupante, aquí á nosa esquerda.
E quen é? É L, ou ELE ou eLe...
e vén sendo a nosa mascota-anagrama:

L de Lagoas, claro.
L de Libros.
L de Lectura.
L de Ler.
L de Lecer.
...

É L... " e le"..., coma nós.

9.2.08

Entroido 2008

Ante as moitas demandas e, aínda que con retraso, aquí van as fotos do noso Entroido.

Felicitámonos pola ampla participación e pola imaxinación demostrada nos diversos disfraces.

Ao longo da mañá, polos corredores e polo salón de actos deambulou xente diversa: noivas primorosas, esmolantes cos seus cartóns de viño, un trío de butaneiros co camión e a bombona, poliños, bailarinas, carrapuchiñas, monxas e cardenais, algún vampiro, varios guerreiros, mozas exuberantes de pernas peludas e voces curiosamente graves, nenas recén saídas da cama sen tempo para cambiar o pixama... ata unha parella de reporteiras do Tomate armadas de cámara e alcachofa.


Foi unha xornada na que vivimos intensamente o entroido, festa tradicional por excelencia na nosa cidade, que forma parte da nosa cultura popular e que nós queremos potenciar.

Teremos que ir pensando de que imos ir o ano que vén!

7.2.08

Proxecto Andersen, o retorno aos clásicos

O Ministerio de Cultura puxo en marcha unha interesante iniciativa para difundir entre os xoves os clásicos xuvenís: o Proxecto Andersen. O obxectivo principal que guía este proxecto é, nas súas propias palabras:

"Acercar a los estudiantes de secundaria muchos de los libros y personajes de ficcións que han marcado la juventud de varias generaciones de lectores en los dous últimos siglos: Tom Sawyer, Peter Pan, el capitán Nemo, Heidi, el conde Drácula... Caracteres e historias de todo tipo que pueden despertar la pasión por una de las actividades más propias del ser humano: la lectura.
Porque sin la capacidad de imaginar y disfrutar que proporciona leer un libro, vivir no sería lo mismo".


Grazas a el, os xoves lectores poderán coñecer os grandes autores (Poe, Verne, Salgari, Bran Stoker, Dickens, Mary Shelley, Mark Twain...), mergullarse nos mundos de ficción que eles crearon e tratar cos heroes que saíron das súas plumas. E os menos xoves poderemos recuperar a lectura das obras que noutro tempo nos emocionaron.

E só cun simple clic, temos unha variada selección de e-books ao noso dispor





Hai unha extensa biblioteca agardándonos!