30.4.09

A FLOR MÁIS GRANDE DO MUNDO

Outro exemplo de adaptación cinematográfica dun texto literario é a curtametraxe A flor máis grande do mundo, adaptación do único conto para nenos do escritor portugués José Saramago, con guión e dirección de Juan Pablo Etcheverry e música de Emilio Aragón. Esta obra está incluída no portal FLOCOS do que xa temos falado en varias ocasións. Para vela, basta con picar na imaxe.



Argumento (tomado da propia páxina de Flocos):

"Un escritor -voz e imaxe do propio Saramago- que non se sente capaz de
escribir unha historia para nenos, comeza a relatar como sería esta historia que
quere contar. As súas palabras deixan paso á historia que o autor non é quen de
escribir.
O protagonista é un neno duns sete anos que unha tarde de verán decide
explorar o fascinante mundo existente a cinco minutos da súa casa. Durante esta
aventura chegará a un souto reseco e inhóspito onde atopa unha flor murcha. O
neno non dubida en axudar á flor para que recupere toda a súa beleza e vai na
procura de auga. O traballo para este neno é inmenso e esgotador, pero el pon
todo o seu empeño, e a flor non so renace, senón que medra dunha forma
fantástica converténdose na flor máis grande do mundo e, probablemente, na máis
fermosa.
Cando o escritor remata o seu relato decátase de que a historia xa nola
acaba de contar…“Ao remate foi doado contar a historia. Agora que xa coñeces o
argumento, como nola contarías ti?”

Don Quijote de la Mancha

A relación entre cine e literatura é un tema moi interesante. Unha boa porcentaxe do cine está adaptado da literatura e, por tanto, a adaptación de textos literarios é unha fonte de recursos moi importante para os directores e guionistas de cine que crean en ocasións obras de gran calidade estética.

As adaptacións literarias levadas ao cine, á marxe dos consabidos debates, son un medio para darnos a coñecer as grandes obras da literatura universal e, mesmo, para animarmos a ler a continuación eses textos literarios.

En anteriores entradas xa temos incorporado algúns vídeos ou trailers de películas (tamén no blog do club de lectura). Iniciamos agora unha sección que iremos completando pouco a pouco, e para a que pedimos a vosa colaboración.

E, tendo tan recente a celebración do Día do Libro, imos comezar polo máis importante clásico das nosas letras: Don Quijote de la Mancha. Entre as numerosísimas versións cinematográficas, optamos polas tres seguintes:

En primeiro lugar, temos a serie de debuxos animados realizada en 1979, baixo a dirección de Cruz Delgado e coas voces de Fernando Fernán-Gómez e Antonio Ferrandis.



Por suposto, a versión de Filmax do 2007, da que xa falamos anteriormente. Este é o trailer:



E, por último, a versión cinematográfica dirixida en 2002 por Manuel Gutiérrez Aragon, con Fernando Rey e Alfredo Landa.



Se queredes saber máis sobre as versións cinematográficas da obra de Cervantes, tedes ampla información neste páxina: "Don Quijote de la Mancha en el cine"

Libro ou imaxe? Cal é a vosa opinión?

Indicádenos outras adaptacións cinematográficas que vos parezan significativas e iremos incorporando.

27.4.09

DÍA DO LIBRO

Para celebrar o Día do Libro, os Departamentos de Lingua Castelá e Música prepararon un recital poético-musical centrado no tema "O amor na literatura".

En primeiro lugar presenciamos o recitado dunha ampla selección de poemas da literatura universal, na que interviñeron: Allan Kenyl Mora, Joel Nieto Pinheiro, Luís Delgado, Adriana María Feijoo, Carlos Muriel Nieto, Kristel Ansia, Cristina Calle, Nerea Dafonte, Aida Fernández, Adrián Gallego, Blanca Rosa González, Loreto Márquez, Sara Martínez, Breogán Antón Martínez e Lucía Pérez. Acompañados ao piano por Raquel Pato e María Domínguez.

No apartado musical, interviñeron:
Voz: Sandra Dacal e Loayre Gómez.
Violíns: Laura Bouza e Beatriz García.
Guitarra: Bárbara Rodríguez.
Óboe: Antía Ménéndez.
Gaita: Cristian Fernández

Do son ocupáronse: Leandro Manoel da Silva e Fernando Campostato.

Por último entregáronse os premios do Concurso literario Día do Libro.


26.4.09

MÁIS AGASALLOS!!


Estamos emocionadísimos por estes recoñecementos que nos están chegando.
Recibimos de Felices Lecturas, o blog da biblioteca do IES Moncho Valcarcel, blog , o SELO VIOLETA. Este selo "representa as sensações que a cor violeta traz para a nossa mente. Este prêmio é dado aos blogs que têm algumas das sensações da cor violeta. São algumas delas: magia, encantamento, graciosidade, magnetismo... e tudo aquilo que parece mágico".


A aceptación deste selo obríganos a aceptar as seguintes regras:

-Exhibir o Selo Violeta no blog xunto coas regras.
-Indicar cantos blogs consideras que merecen este selo.
-Avisar aos indicados, non hai que esquecerse diso!
-Escribir dous poderes máxicos que xa imaxinaches ter.


Resulta moi difícil escoller outros blogs que tamén merecen este selo posto que son moitos os blogs que merecerían esta distinción porque están realizando un magnífico traballo a prol da difusión do libro, da lectura e da nosa cultura. Algunhas propostas:

A biblioteca do Colmeiro
Biblioteca do cole
Bibliobrey

Os poderes máxicos que queremos seguir mantendo son, entre outros, o poder de localizar os tesouros agochados nos andeis da nosa biblioteca e a capacidade de emocionarnos coas historias que neles imos descubrindo.

Moitas grazas, Felices lecturas.

25.4.09

UN AGASALLO ESPECIAL

Hoxe recibimos un estupendo agasallo: concedéronnos o premio "Olha que blog Maneiro!", que vén querer dicir algo así como "Mira que blog tan creativo e bonito". Este recoñecemento chegounos de terras de Friol e agradecemos moi sinceramente que pensaran en nós para este recoñecemento.


Este agasallo réxese por unhas normas que hai que acatar para ser "maneiros de pleno dereito":


- Exhibir a imaxe do premio “Olha que blog Maneiro”.
- Exhibir o nome do blog que concedeu o premio.
- Indicar outros 10 blogs propostos para seren maneiros.
- Comunicar o premio aos blogues seleccionados.
- Publicar as regras.
- Comprobar que os blogs premiados seguen as normas.


Nós, despois de moito pensar posto que hai moitos blogs extraordinarios, pasamos o premio aos seguintes blogs:

Un saúdo a todos!

15.4.09

MANUEL MARÍA NA VOZ DE ROI CASAL




O idioma é a chave
coa que abrimos o mundo:
o salouco máis feble,
o pensar máis profundo.

O idioma é a vida,
o coitelo da dor,
o marmurio do vento,
a palabra de amor.

O idioma é o tempo,
é a voz dos avós
e ese breve ronsel
que deixaremos nós.

O idioma é un herdo,
patrimonio do pobo,
maxicamente vello,
eternamente novo.

O idioma é a patria,
a esencia máis nosa,
a creación común
meirande e poderosa.

O idioma é a forza
que nos xungue e sostén.
¡Se perdemos a fala
non seremos ninguén!

O idioma é o amor,
o latexo, a verdade,
a fonte da que agroma
a máis forte irmandade.

Renunciar ao idioma
é ser mudo e morrer.
Precisamos a lingua
se queremos vencer!

("A fala" - Manuel María)

SON DE POETAS

Os grupos de lingua galega e o Equipo de Normalización do IES David Buján de Cambre son os creadores de Son de poetas. Antoloxía de poesía galega musicada.

Poñen ao noso dispor un amplo repertorio de poemas de distintas épocas e autores moi diversos. Trátase dun interesante material que nos permite achegarnos á poesía galega desde a música e que será de moita utilidade para traballar nas aulas.

Felicitámolos por esta magnífica iniciativa e incorporámolos nas nosas ligazóns.

1.4.09

2 DE ABRIL, DÍA INTERNACIONAL DO LIBRO INFANTIL E XUVENIL

Elisa Álvarez achéganos unha información, procedente de ANILIJ (Asociación Nacional de Investigación en Literatura Infantil e Juvenil) segundo a cal a crise non afectou á literatura infantil e xuvenil, xa que en 2008 creceu un 11,5% en volume de libros e un 13,9% en vendas.
E aporta algúns datos concretos:
- O sector de poboación que le con máis frecuencia está entre os 10 e os 13 anos.
- Destes, un 74% le todos os días e son as nenas as que máis len.
-A principal motivación para que os lectores obteñen información dos libros procede do consello de amigos, familiares ou profesores.
- O fenómeno best-seller axuda a fomentar a lectura entre este público.
- Entre os xoves de 13-24 anos os xéneros preferidos son: aventuras, intriga/misterio, fantasía e ciencia ficción.
- Os temas da vida real tamén interesan, e especialmente os que tratan acerca de inmigración, memoria histórica, malos tratos, acoso escolar.
- No apartado de non-ficción, os adolescentes interésanse por libros sobre coidado persoal, tempo de lecer, sexo, política e cultura.
Sen dúbida, uns datos de gran interese para todos os responsables das Bibliotecas Escolares.