24.11.14

CONCURSO DE MARCAPÁXINAS



A BIBLIOTECA, en colaboración co EQUIPO DE NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA, convoca un ano máis o CONCURSO DE MARCAPÁXINAS  de acordo coas seguintes

BASES:

I.                   FORMATO
Material: Cartolina
Tamaño: 21 x 5
Pode empregarse calquera técnica pictórica (acuarela, acrílico…)

II.                TEMA
O marcapáxinas conterá:
·        Un debuxo que faga referencia á lectura ou aos libros.
·        Un texto, escrito en lingua galega, que pode ser unha frase, un slogan ou unha cita literaria animando a ler ou acerca da lectura.

III.             PRAZO
O prazo remata o día 5 de decembro de 2014.
Os participantes entregarán na Biblioteca o seu marcapáxinas, que estará asinado cun lema ou pseudónimo. Acompañaran o marcapáxinas dun sobre: no exterior escribirán o mesmo lema ou pseudónimo  e no interior introducirán un papel cos seus datos persoais.

IV.              PREMIO
O marcapáxinas gañador será premiado con 50 € en metálico. Este marcapáxinas será reproducido e entregado como agasallo da Biblioteca. Tamén se colgará no blog da biblioteca.

ANÍMATE E PARTICIPA!!

19.11.14

ENDEREZO DESCOÑECIDO


Esta  novela, publicada por primeira vez en 1938, trata o tema do nazismo nos seus inicios. 

Conta a historia de dous amigos e socios propietarios dunha galería de arte en California, Max Eisenstein, xudeu estadounidense, e Martin Schulse, alemán, que retorna ao seu país en 1932, coincidindo co ascenso do partido nazi. A partir dese momento coñecemos a súa relación a través da correspondencia entre ambos.

Causou un gran impacto nos Estados Unidos e axiña foi traducida a outras linguas. En Europa figuro una lista de libros prohibidos do Reichskommisar. Foi reeditada en 1995 para conmemorar o 50 aniversario da liberación dos campos de concentración e traduciuse a numerosos idiomas. Aclamada pola crítica de todo o mundo, foi considerada polo The New York Times Book Review como “a denuncia máis efectiva que se pode facer contra o nazismo en literatura de ficción. É a perfección mesma”.

TES ATA AS DEZ




Xa temos na biblioteca a última novela de Francisco Castro: Tes ata as dez. Unha historia de intriga e suspense que se le dun tirón porque non se pode deixar ata rematala.


 Resumo editorial: 
 Antonio non daba creto ao correo que viña de entrarlle no seu ordenador. Era de seu pai. O problema é que o seu pai leva morto un día.  A través de correos electrónicos, cartas e outra clase de pistas misteriosas e sorprendentes, o seu pai, morto, ou quen está a facerse pasar por el, vai obrigando a que o protagonista investigue un terrible asunto do pasado que quedou sen resolver. Libros misteriosos, vinganzas dende o Máis Alá, historias de amor que hai que manter ocultas..., todo un mollo de asuntos nunha novela que nos vai levar de viaxe pola historia recente de España e Galicia, mais tamén por dentro do corazón dos namorados que o están de verdade.

Aquí van unhas palabras do escritor sobre a súa obra:  Entrevista

Feliz e intrigante lectura!