21.10.08

ESTAMOS DE ESTREA!

Por fin, logo do intenso traballo levado a cabo por Javier durante todo o verán, a biblioteca prepárase para abrir as súas portas e amosar a súa nova cara. A tan desexada reforma é xa unha realidade e con ela seguimos dando resposta a unha das máis vellas reivindicacións do noso instituto: aquela que viña reclamando unha maior atención á biblioteca, tanto no referente aos espazos como ás actividades e funcións que a ela lle competen.

Por esta razón, o curso pasado formouse un EQUIPO DE BIBLIOTECA no que nos integramos un grupo de profesores que, xunto con Mari Carmen, nos propuxemos a súa dinamización e mellora. Deste modo, botamos a andar algunhas iniciativas novidosas (creación dun club de lectura presencial e virtual, concurso de marcapáxinas, creación dun blog, celebración do Día de San Valentín, actividade de nadal con alumnos inmigrantes, etc.) e repetimos outras que xa se viñan realizando en anos anteriores pero agora tamén vinculándoas á biblioteca (Conmemoración do Día do libro, visita á biblioteca dos alumnos de 1º de ESO , etc.). Todas estas actividades quedaron ben rexistradas en imaxes, vídeos, páxinas web, carteis, folletos, etc.

Queremos, desde logo, agradecer a toda a comunidade educativa a boa acollida dispensada e a entusiasta colaboración en todas as actividades programadas: a todos os alumnos e alumnas que participaron nos recitais poéticos roubando tempo aos momentos de lecer, a todas aquelas persoas que colaboraron no blog cos seus comentarios, a todos os que se implicaron nas sesións do club de lectura, etc. pois sen a vosa resposta de nada serviría o noso esforzo.

No pasado mes de xuño Mari Carmen elaborou un proxecto para presentar ao PLAN DE MELLORA DE BIBLIOTECAS ESCOLARES, e nel deu conta de todo o traballo desenvolvido polo Equipo ao longo do curso 2007-2008. O proxecto resultou seleccionado e deste modo o noso centro conseguiu unha subvención de 11.400 euros. Sentímonos satisfeitos ao comprobar que o noso traballo se viu recoñecido pola Administración Educativa.

Grazas a esta dotación económica puidemos, por fin, pensar na mellora das instalacións e do equipamento da biblioteca. Ao anexar o despacho de Vicedirección conseguimos un espazo máis amplo, que distribuímos en varias zonas ben diferenciadas:

A) Zona de administración para a xestión e mantemento dos fondos bibliográficos existentes.
B) Zonas de andeis para libros, discos, vídeos, etc.
C) Zona de lectura e de estudo. Con mesas que poden reagruparse de modos distintos (unha gran mesa, dez mesas pequenas, etc.)
D) Zona de lectura informal con sofás.
E) Zona de ordenadores: 4 ordenadores con conexión a Internet a disposición dos alumnos.
F) Zona de proxección con canón e pantalla móbil.

Con esta distribución pretendemos:

1. Crear un espazo amplo e convertible. Consideramos que a biblioteca ten que ser un lugar no que se poidan realizar actividades diversas; isto supón que ten que haber espazo suficiente e que o mobiliario ten que ser facilmente reorganizable para crear zonas segundo as necesidades do momento.

2. Crear un espazo alegre e visualmente atractivo. Por iso xogamos coas colores vivas e rechamantes para romper coa frialdade e monotonía das paredes brancas.

3. Crear un espazo utilizable para actividades múltiples. A biblioteca non pode ser só unha sala onde van os alumnos buscar libros ou estudar no recreo ou en horas de clase (incumprindo a asistencia obrigatoria ás mesmas); é dicir, non pode seguir sendo un espazo infrautilizado. Polo contrario, a biblioteca pode converterse:

* Nunha SALA máis do centro, na que se poidan desenvolver actividades como: recitais, conferencias en pequeno grupo, encontros con escritores, sesións de contacontos, visionado de películas e documentais, reunións do club de lectura, charlas, exposicións, etc., etc.

* Pode ser igualmente unha AULA máis do centro, á que poden acceder os profesores cos seus alumnos para impartir alí a clase (de titoría, de literatura, de historia, de física, de economía....) se desexan consultar os fondos bibliográficos de que dispomos.

* Tamén ten que ser sala de acceso a ORDENADORES para que os alumnos poidan realizar os seus traballos ou as consultas que precisen.

* E, obviamente, ten que funcionar como BIBLIOTECA, na que os alumnos atopen os libros, os discos, os vídeos ou os DVDs, que desexen.

En definitiva, trátase de actualizar e modernizar os usos que unha biblioteca escolar ten na actualidade, claramente distintos dos que tiña hai vinte ou trinta anos e tamén claramente diferentes dos doutras bibliotecas (universitarias, municipais, etc.)

Este é o punto de partida para esta nova cara da biblioteca. Quedan, evidentemente, moitos aspectos por mellorar. Pero, sobre todo, cómprenos a vosa participación e implicación neste novo espazo para que entre todos poidamos facer a biblioteca que soñamos e precisamos.

O EQUIPO DE BIBLIOTECA (Mari Carmen, Hortensia, Elvira, Virxilio e Celia)

2 comentarios:

  1. A Marela Tarabela21.10.08

    Ten unha pinta magnífica. Como gustaría de que mostrásedes un plano.

    ResponderEliminar
  2. Anónimo18.11.08

    Caramba!!!Justo acabo ahí mis estudios el curso pasado y hacéis esa pedazo reforma...Si antes faltaba a alguna clase y me quedaba en la biblioteca,ahora lo haría con todas jejeje

    ResponderEliminar