22.12.09

O APALPADOR

A profesora de galego Eva Méndez falounos hoxe do Apalpador, un personaxe mítico moi ben coñecido polas terras do Courel, de Lóuzara, do Cebreiro e dos Ancares. Eva contounos as súas lembranzas infantís nas terras do Courel, as historias que lle contaban os seus pais e as que ela se encargou de transmitir ás xeracións máis novas.
O Apalpador -ou Apalpabarrigas- é un vello xigante que anda vestido con roupas vellas e fuma en pipa. Vive nas devesas do Courel, de Lóuzara, do Cebreiro e dos Ancares e que se dedica a facer carbón.

A noite do 31 de Decembro entra nas casas e apalpa as barrigas dos nenos para ver se teñen fame ou están ben mantidos. Se as barrigas estaban cheas, desexáballes que o próximo ano tampouco pasasen fame e dicíalles: "así, así esteas todo o ano" e deixáballes unha presa de castañas como agasallo e lembranza da súa visita.

Os nenos debían deitarse cedo, e así llelo indicaban os seus pais con esta canción, recollida en Romeor de Caurel en decembro de 1994 e interpretada por unha labrega de 79 anos (Amadora Fonte)

Vaite logo, meu meniño (miña meniña)
marcha agora para a camiña
Que vai vir o Apalpador
a apalparche a barriguiña.

Xa chegou o día grande
día do noso Señor.
Xa chegou o día grande
e virá o Apalpador.

Mañá é dia de cachel,
que haberá gran nevarada
e há vir o Apalpador
cunha mega de castañas.

Por aquela cemba
xa vén relumbrando
o señor Apalpador
para darvos o aguinaldo.

Picando neste enlace podemos ver escoitar a Eva falándonos do personaxe.

O noso Apalpador ten similitudes con outros personaxes do noroeste peninsular. É o caso do Olentzero vasco, que é un carboeiro que o día de Nadal lévalles agasallos aos nenos en todos os fogares de Euskadi. É un home groso, mal vestido e manchado de feluxe, tamén fuma en pipa e gústalle beber e comer, vive nas montañas facendo carbón vexetal no bosque e só baixa ás aldeas no inverno. Tamén nos recorda o o Esteru de Cantabria.

Sabemos deste modo que polo mundo adiante á hora de repartir agasallos entre os máis novos hai algo máis que o Papá Noel ou os Reis Magos. Xunto ao Apalpador, o Olentzero ou o Esteru, tamén anda o Caga Tió catalán, a Befana italiana ou o Kris Kringle alemán.


Para os interesados neste tema, dous libros que están xa na nosa biblioteca:

-Antón e o Apalpador, unha obra de Manuel Castro e Mar Ameixeiras, con ilustracións de Francisco Ameixeiras, editado por Kalandraka

-E O Apalpador, o conto de Xoán G. editado por Biblos.



2 comentarios:

  1. Anónimo5.1.10

    Obrigado a todos por este post. Esotu bem certo que Eva trasmitiu perfeitamente a fermosíssima lenda de O Apalpador.
    Eva é, além de muito inteligente, uma grande mulher e uma pessoa muito culta.
    Que gozeis muito das suas insinanzas.

    Um forte abraço para todos e... para EVA.

    ResponderEliminar
  2. Anónimo10.1.10

    que bonitas poesias

    ResponderEliminar