25.11.16

25 DE NOVEMBRO, DIA INTERNACIONAL DA VIOLENCIA DE XÉNERO

Hoxe, día 25 de novembro,Na biblioteca súmámonos á conmemoración do DÍA INTERNACIONAL DA VIOLENCIA DE XÉNERO.



Queremos aportar o noso gran de area para sensibilizar o noso alumnado acerca da necesidade de loitar contra a desigualdade entre homes e mulleres, desterrar o machismo, denunciar a perpetuación de condutas que contribúen á violencia de xénero.



Preparamos unha selección de libros nos que está presente esta temática.



E acompañámolos duns poemas que denuncian algunhas actitudes que contribúen  á violencia e marxinación das mulleres.



O que Penélope teceu na súa Singer1
foi a cruz das condenadas

Xa non queren ser a Selene
que olla parva ó Endimión durmido
Aborrecen ser Sibilas que contan
grans de area
esquecendo pedir o seu propio desexo
Nin mortais que no sono da noite
ceiban os seus corpos a deuses con poder

As amazonas tampouco sabían facer punto de cruz.

(Antía Otero, O son da xordeira)
FÓRA DE CONTROL


A quen chamo, como visto, onde andabas metida...

En canto valoras, my boy, este corte de mangas?


(Carlos Negro.  Penúltimas tendencias )







PRINCESA (CONTRA) DISNEY

Cuspo os chícharos
agochados no colchón
como se fosen balas.
Arrinco o vestido de seda.
Íspome e pego un berro
que escacha as porcelanas.
O cabelo longo semella atadura.
(As tesoiras fanme menos escrava).
Fuxo da torre.
Da mazá envelenada
da obediencia.
Fendo os ferrollos.
Pelo curto,
lingua solta.
Respiro fondo,
corro descalza.
Comezo a alancar
cara a esa gándara
máis alá dos espellos.
(Vaime volvendo a voz
que perdín en palacio).

(Carlos Negro: Penúltimas tendencias)





Quero
abandonar
a vida morta
das princesas.

(Lupe Gómez: Levantar as tetas)

LAPIDADAS

Como ovellas que van ao matadoiro
camiñades a serdes lapidadas
en reas, silenciosas e humilladas,
baixo a mirada atenta do carneiro.

  Que o voso sangue sexa o derradeiro
a mollar esas terras magoadas
polo integrismo cruel, polas brigadas
dunha fe que vos nega todo abeiro.

  ¡Maldita sexa a man que tira a pedra!
¡Maldito na semente e no futuro
o nome dos que erguen ese muro

sobre peitos que alentan! ¡Sexa a hedra
nai piadosa a cubrilas, nai que medra
a reclamar a vida en berro puro!

(Marica Campo)




No hay comentarios:

Publicar un comentario