13.11.17

PERGAMIÑO VINDEL



O día sete e oito de novembro, os alumnos de 1º de Bacharelato visitaron no Museo do Mar de Vigo a exposición sobre o Pergamiño Vindel.
Alí dividíronse en grupos duns 25 alumnos e fixeron cadansúa actividade, alternándoas. Por unha banda, celebraron un obradoiro de escritura medieval onde o guía non só lles explicou os pormenores da elaboración dun pergamiño, usos de tintas, peles, etc. senón que fixeron unha práctica de escrita con cana e chumbo, sobre papel.
Logo, -ou antes, depende do grupo-  percorremos a pequena exposición sobre a vida material na Idade Media de Galicia, onde puidemos ver pergamiños de cartas puebla, zapatos dun bispo de Mondoñedo, arquetas de reliquias, o cristo de Vilanova dos Infantes, restos románicos de fachadas e tamén os facsímiles do códice rico das Cantigas de Santa María e do Cancioneiro de Ajuda. Por último, parámonos diante da vitrina que contén o pergamiño Vindel.
A visión deste famoso documento orixinal do século XIII coa letras e música das cantigas de Martín Códax por primeira vez en Galicia,  é emocionante, máxime tendo en conta que todos os restos da lírica galega medieval, relixiosa ou profana, está situados fóra da nosa Terra. 
Despois da visita literaria, percorremos o edificio do Museo do Mar, obra do afamado arquitecto César Portela, pasamos pola sección de arqueolóxica da ría de Vigo e visitamos o acuario que está sobre o vello peirao da fábrica de salazón. O tempo claro e despexado, contribuiu a facer máis agradable a visita. Desde logo, o pergamiño que nos fala das Ondas do mar de Vigo, non podía ter un mellor local de exposición.












Ningún comentario:

Publicar un comentario