14.1.15

Nadal Intercultural 2014

Un ano máis na biblioteca celebramos o xa tradicional Nadal intercultural. Os nosos alumnos procedentes de moi diversas xeografías explicáronnos como  se celebran estas datas nos respectivos países.
Unha experiencia interesante, da que todos aprendemos.






16.12.14

Bo Nadal e Felices Lecturas!!


A biblioteca prepárase para recibir o Nadal que vén xa de camiño. 
Desexámosvos unha boas festas e un moi feliz aninovo no que sigamos compartindo lecturas e ilusións



E lembrade: Tamén én Nadal, un libro é o mellor agasallo.






24.11.14

CONCURSO DE MARCAPÁXINAS



A BIBLIOTECA, en colaboración co EQUIPO DE NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA, convoca un ano máis o CONCURSO DE MARCAPÁXINAS  de acordo coas seguintes

BASES:

I.                   FORMATO
Material: Cartolina
Tamaño: 21 x 5
Pode empregarse calquera técnica pictórica (acuarela, acrílico…)

II.                TEMA
O marcapáxinas conterá:
·        Un debuxo que faga referencia á lectura ou aos libros.
·        Un texto, escrito en lingua galega, que pode ser unha frase, un slogan ou unha cita literaria animando a ler ou acerca da lectura.

III.             PRAZO
O prazo remata o día 5 de decembro de 2014.
Os participantes entregarán na Biblioteca o seu marcapáxinas, que estará asinado cun lema ou pseudónimo. Acompañaran o marcapáxinas dun sobre: no exterior escribirán o mesmo lema ou pseudónimo  e no interior introducirán un papel cos seus datos persoais.

IV.              PREMIO
O marcapáxinas gañador será premiado con 50 € en metálico. Este marcapáxinas será reproducido e entregado como agasallo da Biblioteca. Tamén se colgará no blog da biblioteca.

ANÍMATE E PARTICIPA!!

19.11.14

ENDEREZO DESCOÑECIDO


Esta  novela, publicada por primeira vez en 1938, trata o tema do nazismo nos seus inicios. 

Conta a historia de dous amigos e socios propietarios dunha galería de arte en California, Max Eisenstein, xudeu estadounidense, e Martin Schulse, alemán, que retorna ao seu país en 1932, coincidindo co ascenso do partido nazi. A partir dese momento coñecemos a súa relación a través da correspondencia entre ambos.

Causou un gran impacto nos Estados Unidos e axiña foi traducida a outras linguas. En Europa figuro una lista de libros prohibidos do Reichskommisar. Foi reeditada en 1995 para conmemorar o 50 aniversario da liberación dos campos de concentración e traduciuse a numerosos idiomas. Aclamada pola crítica de todo o mundo, foi considerada polo The New York Times Book Review como “a denuncia máis efectiva que se pode facer contra o nazismo en literatura de ficción. É a perfección mesma”.

TES ATA AS DEZ




Xa temos na biblioteca a última novela de Francisco Castro: Tes ata as dez. Unha historia de intriga e suspense que se le dun tirón porque non se pode deixar ata rematala.


 Resumo editorial: 
 Antonio non daba creto ao correo que viña de entrarlle no seu ordenador. Era de seu pai. O problema é que o seu pai leva morto un día.  A través de correos electrónicos, cartas e outra clase de pistas misteriosas e sorprendentes, o seu pai, morto, ou quen está a facerse pasar por el, vai obrigando a que o protagonista investigue un terrible asunto do pasado que quedou sen resolver. Libros misteriosos, vinganzas dende o Máis Alá, historias de amor que hai que manter ocultas..., todo un mollo de asuntos nunha novela que nos vai levar de viaxe pola historia recente de España e Galicia, mais tamén por dentro do corazón dos namorados que o están de verdade.

Aquí van unhas palabras do escritor sobre a súa obra:  Entrevista

Feliz e intrigante lectura!

15.10.14

BOOKTRAILER ELEANOR & PARK

Booktrailer da novela Eleanor & Park que estamos lendo no club de lectura:

CLUBS DE LECTURA


Comezaron xa as actividades dos clubs de lectura deste curso.
As obras escollidas para este primeiro trimestre son dúas novelas que consideramos van ser moi interesantes.
Para 1º e 2º, a obra de Marcos Calveiro Palabras de auga.


E para os máis grandes, Eleanor & Parker, de Rainbow Rowell.


Máis información no blog do CLUB DE LECTURA

AGARDÁMOSVOS NA BIBLIOTECA!!!

14.10.14

PRESENTACIÓN CLUB DE LECTURA 2014-15

Xa co novo curso 2014-15 en plena rodaxe, retomamos as actividades do Club de Lectura. Convidámosvos a participar nesta interesante actividade. Visitade tamén o blog do Club de lectura:

MALALA, PREMIO NOBEL DA PAZ 2014

20.12.13

CAROLINA, SEMPRE

Libro homenaxe a Carolina Besada, realizado por alumnos e profesores do centro. O noso recordo emocionado nestas datas e o noso apoio á familia e os amigos.

19.12.13

ROTEIRO CARLOS CASARES


Un grupo de alumnos de 2º de Bacharelato abriron onte o ROTEIRO CARLOS CASARES, creado polo profesor Afonso V. Monxardín.

Segue a noticia de La Región:
redacción. ourense - 18-12-2013

http://www.laregion.es/noticia/272465/alumnos/lagoas/abren/roteiro/casares/


 Un grupo de alumnos do IES As Lagoas, acompañados do seu profesor Afonso V.Monxardín, fixeron onte, dende as dez e media da mañá, unha primeira experiencia para un roteiro pola cidade en memoria de Carlos Casares. Iniciado no Parque de San Lázaro, lembraron que nacera como escritor do seu contacto co seu profesor de literatura Agustín Madarnás e de Vicente Risco, nos mediados dos 50, e que foi agasallado en todas as cidades de Galicia, despois da súa morte en 2002, con rúas e estatuas, pero aínda non en Ourense. A continuación percorreron dezaoito puntos da cidade, e nas paradas fixeron lectura de fragmentos escollidos dos seus libros, nun percorrido triple, pola vida e obra de Casares e pola relación do escritor coa cidade e as súas xentes.

PERCORRIDOComezaron na esquina da avenida da Habana e Cardeal Quevedo, no lugar onde estivera a casa de nacemento, e despois de pasar por Curros Enríquez, a igrexa dos franciscanos, o parque de San Lázaro, a rúa do Paseo, a Alameda, o Liceo, Arcedianos, rúa da Paz, praza do Ferro, Lepanto, praza do Trigo, concluíron na Praza Maior.

Textos de obras de Casares como 'Vento Ferido', 'Cambio en Tres', 'Ilustrísima', 'Un país de palabras', 'Deus sentado nun sillón azul', 'O sol do verán', combinados con distintos fragmentos de ensaios históricos, biografías e textos xornalísticos, e as explicacións do profesor, puxeron luz a un percorrido que pretenden repetir e facer nunha posta de largo, o día 9 de marzo próximo, cando se cumpra xa unha ducia de anos sen Carlos Casares.

http://www.laregion.es/noticia/272465/alumnos/lagoas/abren/roteiro/casares/

17.12.13

O LIBRO DOS REIS MAGOS




 Achegamos este fermoso libro no que 26 escritoras galegas escriben as súas cartas para os Reis: Yolanda Castaño, Andrea Porto, Rosario Golmar, Celia Parra, Rosalía Morlán, Beatriz García Turnes, Oriana Méndez, María Solar, Lupe Gómez, Ledicia Costas,Helena Villar-Janeiro, Elena Gallego, Ana María Fernández, Antía Otero, Eva Lozano, María Canosa, Inma López Silva, Fina Casalderrey, Dores TEmbrás, Mercedes Queixas, Clara do Roxo, Concha Blanco, Anxos Sumai, Paula Carballeira, Rosa Aneiros e Teresa González Costa.
 As súas palabras van acompañadas coas preciosas ilustracións de Marina Seoane.
 Un agasallo para os ollos
 Un pracer para meniños e grandes.
Bo Nadal!