19.11.10

UN ESCRITOR COHERENTE

Agustín Fernández Paz dá a coñecer neste comunicado as razóns da súa renuncia ao Premios da Cultura Galega.


Fernández Paz rexeita o Premio da Cultura Galega por coherencia

O escritor, nun comunicado, declina aceptar o galardón e explica que os seus motivos están no manifesto que Prolingua publicou o 8 de outubro

O escritor Agustín Fernández Paz rexeitou o Premio da Cultura Galega das Letras que lle foi concidido onte polo xurado presidido polo conselleiro de Cultura, Roberto Varela. Mediante un comunicado, Fernández Paz agradeceu a decisión do xurado de recoñecer a súa traxectoria, pero non o acepta. “Quero expresar a miña gratitude ás persoas do xurado por pensaren en min. Mais debo lembrar que, cando os Premios da Cultura Galega foron convocados eu manifestei o meu desacordo con eles. Sigo a pensar o mesmo. En coherencia, non podo aceptar este premio”, explicou no comunicado .

No seu escrito, Fernández Paz non especifica os seus motivos, xa que se remite ao manifesto publicado por Prolingua o 8 de outubro que solicitaba a todos os intelectuais do país que, en caso de ser premiados, rexeitaran eses galardóns. O principal motivo que expuña Prolingua no citado manifesto –titulado Rosalía nunca aceptaría ese premio– é o trato que a Xunta de Galicia está a ter coa lingua e a cultura galega. “Nin a actual Xunta nin o seu Presidente, responsables ante a Historia de lexislaren por vez primeira contra a nosa lingua, poden atribuírse agora o papel de benfeitores da cultura galega. Polo tanto xulgamos lexítimo non aceptar ningún premio que veña hipotecado por agresións contra a cultura”, sinálase nese manifesto. Fernández Paz, polo tanto, fai seus os motivos de Prolingua, colectivo do que forma parte.

Pode lerse a noticia completa publicada no Xornal

Os nosos parabéns ao escritor pola coherencia e dignidade que amosa unha vez máis.

Ningún comentario:

Publicar un comentario