11.12.07

PANXOLIÑAS

Os alumnos de 1º de ESO compuxeron estas fermosas panxoliñas.
Proximamente colgaremos os vídeos coas intepretacións musicais das mesmas

NADAL EN OURENSE

Os nenos das Lagoas
viaxaron a Belén
levaron pasteliños
e tarriños con mel.

Levaron un pandeiro,
a gaita e o tambor
para cantarlle ao neno
unha canción de amor.

Pa que non pase frío
no portal de Belén
levaron patuquiños
e un abrigo de pel.

Ó chegar ó portal
saudaron a María
e mandounos calar
porque o neno durmía.

Non te espertes, neno,
cantáronlle os de Ourense,
con voz baixa e queda
cinco cantos de berce.

María estaba leda,
San Xosé tamén,
e o neno espertou
con ganas de comer.


(1º A)


A NOSA PANXOLIÑA

Os de 1º B
temos na nosa aula
para levarlle ao neno
a cesta acugulada.

De tortiñas, de doces,
de torrixas con mel,
para levarlle ao neno
cousiñas pra comer.

Chegamos a Belén
coa cestiña ben chea
e o que mellor lle soubo
foivos o pan de Cea.

O viño do Ribeiro
gústalle a San Xosé
pero bebeu pouquiño
eu non vos sei por que.

Saímos da autoestrada
en Allariz paramos
a mercar pra María
moitos amendoados.

Coas présas da viaxe
esquecemos a bica
e sentímolo moito
porque estaba moi rica.

Moi ledos e contentos
regresamos a Ourense
por ter deixado ao neno
tan fartiño e tan quente.

(1º B)


A VIAXE A BELÉN

Os rapaces das Lagoas
queremos ir a Belén
para levarlle ao meniño
moito pan, queixiño e mel.

Como non temos transporte
termos que ir a pé,
pararemos polos bares
a tomar un bo café.

Saudaremos a María
e tamén a san Xosé
bicaremos ó meniño
con cariño, abofé.

A mula e o boi
teñen ganas de comer
compraremos alimento
no súper de Mohamed.

Para o neno compraremos
un bote de leite en po
e tamén lle levaremos
unha pata de xamón.

Voltaremos pra Ourense
coas fotos de Belén
pra vendelas no top-manta
a un euro ¡ai que ben!

(1º C)

Este Nadal nas Lagoas
Xesusiño nacerá
e ao vernos todos xuntos
o meniño sorrirá.

Deica Belén viaxaremos
para ilo adorar,
cando estemos alí todos
panxoliñas ¡a cantar!

Levarémoslle agasallos
comprados no "toys"R"as"
playstation e buxainas
para que poida xogar.

E do Gadis levaremos
leite, azucre e colacao
para que o neno medre
forte e ben alimentao.

A María, moitos bicos,
a Xosé, a nosa man
e o pequeno dorme ledo
ata que chegue o serán.

Xa vai sendo hora de irse
e pra Ourense regresar
que xa vén a Noiteboa
e agárdannos pra cear.

Outro ano voltaremos
con moitos regalos máis
e esta doce panxoliña
volveremos a cantar.

Feliz ano para todos
e pasade bo Nadal.
Vémonos no 2008
e agora ¡A FESTEXAR!

(1º D)







Ningún comentario:

Publicar un comentario