Por fin chegou o San Martiño e o Montealegre volveuse encher de fogatas e recendo de castañas e chourizos.
No instituto tamén celebramos o noso magosto. Comemos castañas , realizamos xogos divertidos e pasámolo realmente ben.
Tamén aproveitamos para coñecer algunhas mostras de literatura popular sobre as castañas e os magostos. Velaquí algúns exemplos:
CANTIGAS POPULARES
Non chas quero, non chas quero,
castañas do teu magosto;
non chas quero, non chas quero,
que me cheiran ó chamosco.
Acabáronse as vendimas
e veñen as esfolladas,
para comer coas meniñas
catro castañas asadas.
As castañas son castañas,
os ourizos son ourizos;
os ollos da túa cara
para min son dous feitizos.
A castaña no ourizo
quixo rir e rebentou.
caendo castiro abaixo
mira que golpe levou.
Has de cantar
que che hei de dar zonchos;
has de cantar
que che hei de dar moitos;
has de cantar e has de cantar,
has de cantar
que chos hei de dar.
As castañas ben se comen,
o viño vaise bebendo;
o cariño vai entrando
e a honra vaise perdendo...
San Martiño de Ourense,
bota as castañas embaixo,
pero bótaas ben grandiñas
que ás pequenas non me abaixo.
Moza que estás no canizo,
bota castañas embaixo,
que anque non teño mandil
apáñochas co refaixo.
—Miña nai, doime a barriga.
—Miña filla, confesión.
As castañas que comiches,
de que castiñeiro son?
Acabáronse as castañas,
secáronse os castiñeiros;
acabáronse as rapazas,
quedan os mozos solteiros.
ADIVIÑAS
Que cousa cousiña é
que pica moito por fóra
e por dentro sabe ben?
Alto me vexo
no meu lugarexo.
Por unha risada
perdín a miña anada.
Alto vivo,
mírame a xente
e se me río
quedo sen dente.
Altos pais,
capeludas nais,
os fillos incha-foles,
adiviña ti, se podes.
Unha cousiña cousa,
criada no monte,
enxoita na casa
e cómese sen tasa.
Son verde e non son limón,
son moura e non son carbón,
son vermella e non son sangue,
son branca e non son papel,
Que cousa cousiña son?
Ten pelexo como a xente
e é moi boa para comer.
Chega polos mes de Santos
e todo o ano a tes.
Cal é a cousa, cal é ela,
ten tres capas de inverno:
a primeira mete medo,
a segunda é lustrosa
e a terceira é amargosa?
Eu nacín dentro dun berce,
onde ninguén tocar ousaba:
quen puña a man non tornaba...
Entre cidades e cortes
me desexan ver crecida,
e as mulleres preguizosas
comigo gañan a vida.
REFRÁNS
Polo San Martiño, castañas e viño.
Castañas, noces e viño, fan a ledicia do San Martiño.
Polo San Martiño faise o magosto, con castañas asadas e viño ou mosto.
Polo San Martiño, deixa a auga, come castañas e bebe o viño.
Fíate das castañas asadas, que se estoupan sairanche á cara.
Con castañas asadas e sardiñas salgadas non hai viño ruín.
A castaña que está no camiño é do veciño.
As castañas que despois do San Martiño quedan no souto, son do moucho.
Cada crouco no seu souto.
Se xantas castañas, de visita non vaias.
Tan honrado é o caldo coma as castañas!
13.11.07
Subscribirse a:
Publicar comentarios (Atom)
Ningún comentario:
Publicar un comentario